A 24ª edición terá lugar o vindeiro domingo a partir das 10.30 horas na magnífica casa de Golmar de Anzo, organizada conxuntamente pola veciñanza de Anzo e de Busto
O lugar de aparcamento será pola parte de enriba da estrada provincial Prado-Bodaño onde hai varias fincas próximas á casa, onde veciños e visitantes poderán estacionar
A comisión organizadora está a ultimar cos veciños das dúas parroquias participantes os derradeiros preparativos de cara ao evento do domingo, no que levan traballando desde o mes de novembro
Acordaron un organigrama e cronograma de tarefas para que se desenvolva do mellor xeito posible, nunha edición na que se poderá ver, por exemplo, unha mostra de antigos oficios, presenciar a chegada dunha emigrante procedente de Bos Aires ou unha regueifa sobre a torna da auga
A XXIVª edición da Matanza Tradicional do Porco, organizada conxuntamente pola veciñanza de Anzo e Busto xunto co Concello de Lalín, celebrarase o vindeiro domingo, 21 de xaneiro, na casa Golmar de Anzo, a partir das 10.30 horas da mañá, nunha edición na que non ha de faltar detalle. Para este fin levan traballando nos preparativos desde hai máis de dous meses os/as veciños/as destas dúas parroquias -a primeira reunión de traballo tivo lugar o domingo 19 de novembro- a través dunha comisión organizadora conformada por representantes de ambas, e en coordinación cos concelleiros de Festas, José Cuñarro, e de zona, Marcos Mariño.
É importante destacar a implicación plena amosada pola veciñanza destas dúas parroquias situadas na contorna do Santuario do Corpiño para organizar un evento tan identitario como é a Matanza do Porco e tamén agradecer á familia Cortizo (ao matrimonio conformado por José Luis Cortizo Vila e María Josefa Méijome Pérez e o seu fillo e nora, Rubén Cortizo Méijome e Ana Valladares González) a cesión da magnífica casa fidalga centenaria e as súas construcións anexas para levala adiante. O dito inmoble inclúe unha portada de madeira que data de 1856; palleira de 1902 onde se vai pendurar o porco; unha fonte no medio da eira; hórreo de catro claros datado en 1879; balconada de 1868; forno; unha eira enlousada de pedra; lareira, entre outros elementos singulares propios dunha casa forte de labranza das antigas da nosa contorna.
O porco será un exemplar lalaíno duns 300 quilos en vivo e algo máis dun ano de vida, semellante ao típico porco que antes se sacrificaba nas casas galegas, con propiedades óptimas de cara á salga da carne e á elaboración de chourizos que un exemplar de menor idade.
Nestes días a comisión organizadora está a pechar cos veciños de Anzo e Madriñán os derradeiros preparativos de cara ao reparto de tarefas e a recreación escenificada da Matanza na que cada un dos participantes desenvolverá unha función predeterminada con anterioridade. Nunha reunión celebrada estes días acordaron un organigrama e cronograma de tarefas, distribuídas entre eles a fin de que a Matanza se desenvolva do mellor xeito posible, esperando que a climatoloxía acompañe.
A veciñanza de Anzo e Busto comezará na xornada do domingo ás 9 horas xa a traballar para levar todo a bo porto. A esa hora desprazaranse ao criadeiro de Celso Toimil para transportar o porco á Casa de Golmar, onde terá lugar a Matanza Tradicional, que dará comezo a partir das 10.30 horas da mañá, e que incluirá narración en directo por parte de Manuel Vilariño e de Daniel González Alén.
Diversas representacións de carácter etnográfico
Sobre ás 11 horas comezarase co chamuscado do porco e sobre esa hora poderase visualizar unha exposición de apeiros de labranza, ademais de poder ver como se facía o pan no forno ou os utensilios de cociña que se empregaban antigamente. Tamén poderemos ver á veciñanza xogando ás cartas, calcetando ou cosendo (nunha máquina antiga) ou planchando (tamén nun aparello antigo).
Outra das novidades é que se poderá ver (sobre ás 11.30 horas, aprox.) unha representación da chegada dunha emigrante procedente de Bos Aires que se atopará coa grata sorpresa de poder ver unha Matanza Tradicional entre tantos veciños/as, ademais de participar nalgún que noutro desvelo.
Tras o chamusque, tocará lavar e abrir o porco e desenfiar as tripas e tamén pesalo. Haberá tamén ao mesmo tempo (sobre 12.45 horas, aprox.) a representación de como se afiaban antigamente as gadañas para poder segar mellor a herba, que servía de alimento aos distintos animais que había nas casas. Tamén se mostrará unha figuración das moitas tabernas que houbo no rural da nosa zona e ata a representación dun antigo escribán, con documentos antigos.
Sobre ás 13 horas poderase ver como se preparaba a carne para facer os chourizos e ás 13.30 horas está prevista a representación da escarocha do millo. Sobre ás 14 horas prevese a salga do porco, e posteriormente, e como aliciente, terá lugar a representación dunha regueifa da torna da auga, moi representativa de antigas liortas entre veciños, que encerrará algunha que outro atractivo máis.
De seguido terá lugar a degustación de produtos do porco, ademais de sobremesas caseiras, que terán lugar na carpa situada na parte posterior do inmoble, xunto coas actuacións musicais que correrá a cargo da Carballeira de Cercio durante o proceso da Matanza e durante a tarde amenizada polo Trío 3.com
Tamén está todo disposto e preparado para facilitar desde primeira hora da mañá o aparcadoiro ao lado de enriba da estrada provincial EP-6005 Prado-Bodaño, onde hai varias fincas próximas á casa de Golmar, xa que estará prohibido aparcar nas inmediacións do inmoble onde se vai levar todo o proceso de recreación da Matanza.
Nota: as fotos corresponden á reunión mantida pola comisión organizadora e a veciñanza o pasado domingo 14 de xaneiro para a distribución de tarefas o día da Matanza