Presentación

O vindeiro 4 de febreiro de 2024 celebrarase a 56 edición da Feira do Cocido. Este ano o evento conta cunha programación que volve superar o máis de medio cento de actividades programadas ao seu abeiro durante as semanas previas e posteriores ao día grande. A diferenza doutras festas gastronómicas que se celebran por toda a xeografía galega, a Feira do Cocido de Lalín aglutina toda unha serie de propostas que fan do noso concello un punto de interese tanto a nivel galego como estatal nestas primeiras datas de cada ano.

Para o alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, centra o gran obxectivo para esta edición “en potenciar aqueles aspectos da Feria que se facían ben, e en introducir algúns cambios para que a Feria se encamiñe cara a excelencia e cumplir merecidamente coa recente declaración oficial de FESTA DE INTERESE TURÍSTICO INTERNACIONAL. O Cocido é unha celebración gastronómica na que se exalta o noso prato máis sobranceiro e popular da cociña galega e, na que haxa unha firme aposta pola calidade, a participación, a colaboración cidadá e a solidariedade.

Mes do Cocido

“De San Amaro a San Valentín, Mes do Cocido en Lalín”, é dicir, do 15 de xaneiro ao 14 de febreiro preto dunha trintena de establecementos hostaleiros do noso concello incorporan diariamente na súa carta o noso prato máis tradicional, a un prezo razoable, co obxectivo de conseguir a súa maior difusión entre todos os que nos visiten e os que se animen a degustalo. Os establecementos participantes están suxeitos ao Selo de Calidade do Cocido de Lalín, o que garante ao visitante vivir unha experiencia única

Promoción da Feira do Cocido

O Concello de Lalín porá en marcha un programa de actos promocionais da 56 edición da Feira do Cocido permitindo difundir o festexo gastronómico e os atractivos turísticos de Lalín por cidades de Galicia, e do territorio nacional e internacional, acompañados de cociña en directo por parte de cociñeiros e cociñeiras lalinenses con degustacións baseadas no Cocido, produtos de Lalín e de firmas colaboradoras, que permiten poñer en valor a elevada calidade da nosa hostalería e os novos valores da cociña lalinense. A campaña promocional desenvolvese durante as semanas previas ao día grande da Feira do Cocido. Estos actos e degustacións están avalados  polo Selo de Calidade do Cocido de Lalín, o que garante ao visitante vivir unha experiencia única.

Premios da Gastronomía de Galicia e Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico

Dentro do apartado cultural, destaca a convocatoria do Premio de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, cun apartado dirixido aos xornalistas noveis, que reparte 5.000 euros entre os gañadores das diferentes categorías, e os Premios de Gastronomía de Galicia, que se entregan nunha gala emitida en directo pola Televisión de Galicia, onde tamén se entregarán os habituais galardóns dos Premios da Gastronomía de Galicia.

En Lalín o Cocido sérvese con Cultura

Ás xa referidas actividades culturais, hai que sumar outras como o Divercocido, dirixido aos máis pequenos; diversas actividades deportivas, como o Rally do Cocido, o Motococido ou a Carreira do Cocido; actividades etnográficas como a Matanza Tradicional, que permite recoller a tradición cultural que recolle a matanza do porco, ou as actuacións musicais durante todo ó entorno da Feria do Cocido, ás que se suman as de grupos locais dentro do programa cultural.

En definitiva, o que se pretende é que “o protagonismo desta celebración gastronómica, ademáis de ser un atractivo para visitantes, pase a ser dos veciños, dos hostaleiros e dos comerciantes de Lalín e comarca.

Imagen Presentación