Historia

Corría o ano 1968 cando os rexidores dos 6 municipios que integran a comarca do Deza (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón) se reuniron baixo o lema “Unidos por el mismo afán” para artellar unha estratexia de difusión e comercialización dos produtos vencellados coa gastronomía típica da comarca.

Un daqueles 6 concellos -concretamente o Concello de Lalín- decidiu levar á práctica as ideas xurdidas naquel encontro mediante a creación da Feira do Cocido, un evento que se celebrou por primeira vez en 1969 para exaltar o prato máis tradicional e senlleiro da cociña galega, O COCIDO. Dende aquela, a feira non parou de medrar e medrar ata convertirse en todo un referente gastronómico galego e unha cita ineludible como prólogo do Entroido. Lembremos que a Feira do Cocido de Lalín se celebra sempre o domingo anterior ao domingo de Entroido.

O continuo crecemento da feira grazas aos turistas de diferentes lugares de Galicia e mesmo de España axudou a que no último ano do século pasado (1999) a Feira do Cocido fora declarada Festa de Galicia de Interese Turístico (resolución do 24 de xuño de 1999, DOG nº 131 de 9 de xullo) e posteriormente, un novo recoñecemento elevouna a Festa de Interese Turístico Nacional (resolución do 2 de xuño de 2010, BOE nº 156 de 28 de xuño). Proceso que culmina en 2020 coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional (resolución do 16 de xaneiro de 2020, BOE nº36 do 11 de febreiro).

Dende o concello lalinense lévanse a cabo múltiples iniciativas que teñen como fin a popularización do seu prato mais insigne e a promoción do municipio. Cabe destacar entre estas: a celebración do Mes do Cocido, entrega dos premios Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico retransmitido en directo pola TVG dende Lalín, concertos, degustacións de cocido en diferentes cidades e países, celebración da mata tradicional etc.

Entre os seus principais atractivos destacan: o desfile de Carrozas, comparsas e charangas; a posta en marcha de concertos e distintas actividades; e por suposto a propia feira, na que se expoñen os mellores produtos das terras de Deza.

Anímate a visitarnos e non te esquezas que… “de S. Amaro a S. Valentín, Mes do Cocido en Lalín“.

Imagen Historia