O apicultor David Liñares, organizador en colaboración co Concello, presentou a terceira edición da Feira do Mel Alvariza, un evento xa asentado en Lalín dentro das actividades da Feira do Cocido, acompañado da tenente de alcalde Paz Pérez e do concelleiro de Agricultura Marcos Mariño.
A feira desenvolverase os días 27 e 28 de xaneiro dentro da carpa do campo da feira, contando con 60 postos de venda de produtos e expositores relacionados coa apicultura, aderezada con charlas técnicas para iniciados e para expertos, conferencias, obradoiros, showcookings, actividades infantís, unha andaina, catas e degustacións de meles de Galicia e tamén de Rumanía, unha das novidades da cita.
O domingo 28 a feira tamén estará aberta ao público pola tarde, a diferenza do ano pasado que só o estivo pola mañá.