O DIVERCOCIDO CONXUGA DESFILE DE DON COCHO, MÚSICA INFANTIL, XOGOS POPULARES E TALLERES NUNHA EDICIÓN QUE SE INICIARÁ VENRES Á TARDE

As actividades, todas gratuítas, terán lugar na carpa do campo da feira, coa colaboración da Deputación

O Divercocido, proposta de actividades para a cativada no marco da LVI Feira do Cocido, terá lugar esta fin de semana, o venres 19 e o sábado 20 de xaneiro, na carpa do cocido sita no campo da feira. Así o explica a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, que sinala que as actividades abriranse o venres pola tarde cun pasarrúas a cargo de Don Cocho (Luchi), un pase de algo  máis dunha hora a cargo deste personaxe tan ben recibido pola infancia. A programación de actividades municipais, son todas gratuítas e están dirixidas a todos os públicos, grazas á colaboración coa Deputación de Pontevedra.

O sábado 20 terá lugar unha ampla proposta de actividades que abranguerán:

12 h. Xogos populares: como xogo da chave, billarda, estornela... accesibles a toda a rapazada

12.45 h. Concerto Punk Infantil, a cargo de Peter Punk e Brais das Hortas. Trátase dun cantante punk e dun cantante infantil que comparten escenario creando un “delirio musical” chamado “Concerto PunkInfantil”, que é un espectáculo musical e de clown para todos os públicos, no que está presente o concepto punk, vencellado directamente co mundo infantil e as inquedanzas da cativada.

16.30 Xogos populares

17 h Espectáculo Patty Diphusa “Superharte”: espectáculo de 50 minutos no que esta hartista intentará amosar todas as habilidades ao seu alcance: bailando, trepando, inchando globos e mesmo meténdose dentro deles, disposta a conquistar os corazóns do público.

18 h Obradoiro e pasarrúas a cargo de Don Cocho

E rematará co Concerto con Fusión a cargo de Píscore, que terá lugar ás 19 horas. Este espectáculo recibiu o premio do público no Festaclown 2019. Despois dun cento de funcións co seu primeiro espectáculo “Concerto Singular (e Plural), esta compañía presenta a súa segunda montaxe que fusiona música, teatro, humor, comedia xestual, clown e participación do público.