JOSÉ MARÍA PAZ GAGO E ABRAHAM RIVERA GAÑAN “EX AEQUO” O XXX PREMIO NACIONAL DE XORNALISMO GASTRONÓMICO “ÁLVARO CUNQUEIRO” COA PUBLICACIÓN “O GRAN LIBRO DO COCIDO GALEGO E DA SÚA CAPITAL, LALÍN” E A REPORTAXE “EN BUSCA DEL ÚLTIMO PULPO GALEGO” DE EL PAÍS

O xurado decidIu recoñecer a calidade dos traballos “O Cocido é trending topic” emitido pola Sexta e “Del carquinyoli a la lucha de clases...” emitido pola Cadena SER

Os traballos presentados por José María Paz Gago e Abraham Rivera, de xeito “ex aequo”, fixéronse por unanimidade do xurado co XXX Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, promovido polo Concello de Lalín en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, coas asociacións gastronómicas galegas e coa Axencia Turismo de Galicia (Xunta de Galicia) e recoñecido como o premio gastronómico máis importante do España.

José María Paz Gago foi elixido polo seu traballo xornalístico gastronómico “O gran libro do Cocido galego e da súa capital, Lalín” que recolle un amplo e profundo traballo sobre un dos platos con máis arraigo na Gastronomía de Galicia. Paz Gago, nado en Celanova, é profesor da Universidade de A Coruña na área de Teoría da Literatura e Literatura Compartida e escritor de prestixio. Autor de numerosos libros e traballos sobre escritores galegos como Pardo Bazán, Valle-Inclán, Cela, Curros Enríquez e Álvaro Cunqueiro, fundou e dirixeu a revista La Tribuna. Cuadernos de Estudios de la Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, da que foi presidente do seu Comité Científico. Impulsor do Instituto de Estudios Emilia Pardo Bazán, acaba de sacar á luz a novela policial inédita da escritora coruñesa, baixo o título Los misterios de Selva (Santiago, Ézaro, 2021) e a obra ilustrada La vida contemporánea. Emilia Pardo Bazán en su tiempo y en el nuestro (A Coruña, Hércules de Ediciones, 2021). O traballo sobre os cocidos galegos é o últimos dos traballos que levan a súa sinatura.

Pola súa banda, o xurado puxo ao mesmo nivel o traballo “En busca del último pulpo gallego”, publicado por El País Semanal e realizado polo xornalista Abraham Rivera Duque. Unha coidada e elaborada reportaxe que fala de unha das “delicatesen” das cociñas galegas, o pulpo. Esta reportaxe mereceu o recoñecemento do xurado pola súa alta calidade e polo contido do mesmo. Rivera Duque leva máis de 20 anos de experiencia na redacción de contidos culturais e de estilo de vida para medios de comunicación como El Pais, eldiario.es, a Guía Repsol, Traveler o Vanity Fair. Foi director do programa Retromanía de Radio 3.

RECOÑECEMENTOS POLA CALIDADE

Os membros do xurado tamén acordaron recoñecer os a calidade dos traballos “O Cocido é trending topic” emitido pola Sexta e presentado por Carlos Prado Pampín e “Del carquinyoli a la lucha de clases: por qué los gourmets no añoran a Vázquez Montalbán” emitido pola Cadena SER e realizado por Carlos G Cano.

Así o acordaron os integrantes do xurado na súa deliberación que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Lalín. Un xurado, presidido polo alcalde de Lalín, que estivo integrado por destacados xornalistas como Martín Fernández Vizoso (participou a través de videoconferencia), Alberto Barciela, Carolina Carballedo (en representación da Axencia Turismo de Galicia), Belén Xestal, así como a decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Ana Isabel Rodríguez Vázquez, e o anterior decano, Xosé Ramón Pousa.