BARCIA ACOLLERÁ O 5 DE FEBREIRO A XXIII MATANZA TRADICIONAL DO PORCO

Así o acordaron os edís José Cuñarro e Avelino Souto coa veciñanza desta parroquia nunha reunión celebrada onte. Realizarase nunha casa típica de labranza, haberá degustación posterior de produtos típicos na casa da escola, sobremesas típicas e unha exposición etnográfica.

A XXIII Matanza Tradicional do Porco terá lugar na parroquia de Barcia o domingo 5 de febreiro. Así o acordaron os edís José Cuñarro (Festas) e Avelino Souto (concelleiro de zona) cos veciños desta parroquia nun encontro mantido na tarde de onte no centro social no que tomaron parte máis de cincuenta persoas.

Os concelleiros indican que a veciñanza da parroquia se atopa moi ilusionada por poder facer a Matanza Tradicional, nunha edición na que se recuperará a normalidade tras a pandemia. Amosaron a súa total disposición para colaborar. Souto indica que “incluso houbo veciños que non puideron participar na reunión que nos trasladaron que se prestaban a botar unha man nos preparativos que fixesen falta”.

No encontro de onte xa se acordou o inmoble onde facer a Matanza: nunha casa típica de labranza, que está situada preto da igrexa. Tras a Matanza haberá unha degustación de produtos típicos do porco (costela, torresmos e chourizos) na casa da escola, xunto á carballeira. A veciñanza comprometeuse á realización de sobremesas típicas así como a realización dunha exposición etnográfica na que se poida ver o proceso de elaboración de cestos ou de sombreiros, etc.

Cuñarro remarca que “xa temos tes elementos fundamentais para a realización da Matanza como son: a implicación e colaboración da veciñanza, indispensable para levala a cabo; a casa onde se vai facer e o porco que xa o temos comprado desde o ano pasado”.

Os veciños quedaron de reunirse periodicamente para ir poñendo en marcha os preparativos de cara á xornada do 5 de febreiro.