A II FEIRA INTERNACIONAL DE APICULTURA DE LALÍN CELEBRARASE O 28 E 29 DE XANEIRO CON IMPORTANTES NOVIDADES E AFIANZÁNDOSE COMO REFERENTE AUTONÓMICO

Entre os relatores participantes destacan Giller Fert, un dos expertos máis recoñecidos a nivel mundial e Alekxandar Uznov, recoñecido técnico macedonio

Tras o éxito da primeira edición Lalín celebrará a II Feira Internacional de Apicultura, Alvariza, a última fin de semana de xaneiro (28 e 29 de xaneiro na Carpa do Cocido), promovida por David Liñares coa colaboración do Concello. Será un dos primeiros grandes eventos da LV Feira do Cocido co que se poñerán en valor as potencialidades e oportunidades que ofrece o mundo da mel no noso concello.

Esta segunda edición incorporará varias novidades como un maior número de expositores de toda España e incluso de diversos países (en total 57); a presenza de destacados relatores a nivel mundial no eido da apicultura como o francés Gilles Fert -un dos expertos mundiais neste campo que fala perfectamente español e que na súa explotación forma a persoas de todo o mundo- ou o técnico macedonio Alekxandar Uznov, ou un concurso de debuxos para a cativada, entre outras moitas actividades como rutas, charlas, obradoiros, showcookings, etc.

Será, polo tanto, unha Feira orientada a todos os públicos: á xente que se estea iniciando no mundo da apicultura, aos máis pequenos ou as persoas que desexen vir pasar unha fin de semana a Lalín.

Trátase de que en vindeiros anos poida consolidarse como unha Feira referente en Galicia, no norte de España e de Portugal.