A XXII MATANZA TRADICIONAL DO PORCO FARANA AS PARROQUIAS DE MADRIÑÁN E NOCEDA O PRÓXIMO 3 DE ABRIL NO PAZO DE ANZUXAO

Os pedáneos destas dúas parroquias, Begoña Lareu e Pablo Romero, ofrecéronse voluntariamente para levala adiante, contando coa colaboración das catro asociacións veciñais. Agradécese á familia Menéndez Sampayo que cedese o Pazo  para a súa realización.

A XXII Matanza Tradicional do Porco farana as parroquias de Madriñán e Noceda, tras ofrecerse voluntariamente ao Concello, a través dos seus pedáneos, Begoña Lareu Taboada e Pablo Romeo Chorén para realizala, unha vez que a veciñanza de Anseán que inicialmente amosara a súa disposición para desenvolvela se atopou con algunha dificultade engadida para poder levala a cabo.

Así o explica o edil de Obras, Servizos e Festas, José Cuñarro, que mantivo nestes días unha reunión cos pedáneos das dúas parroquias na que os representantes veciñais de Madriñán e Noceda se comprometeron a levar adiante a que é a vixésima segunda edición da Matanza.

No dito encontro o representante municipal e os veciñais acordaron manter a data de realización, o domingo 3 de abril. Así mesmo os pedáneos trasladaron ao edil que se comprometían a realizar todo o proceso da Matanza Tradicional e a preparar unha degustación de produtos típicos do porco e sobremesas do cocido. Así mesmo nesta primeira toma de contacto tamén se falou da posibilidade de realizar algún tipo de exposición de artesanía e de produtos da labranza propios da zona.

É importante subliñar, tal como avanzaron os pedáneos, que para a realización da Matanza se contará coa especial colaboración das asociacións destas dúas parroquias que son: en Madriñán a Asociación de Mulleres en Igualdade de Madriñán, a Asociación cultural San Adrián e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común e en Noceda, a Asociación de Veciños Bolarqueiros.

José Cuñarro indica que a Matanza se realizará “nun marco idóneo para acoller un evento destas características como é o Pazo de Anzuxao, que se atopa no límite das dúas parroquias, aínda que pertence a Madriñán e que dispón dun amplo espazo para colocar a carpa de degustación e para recrear unha Matanza Tradicional, nunha zona accesible e con bo aparcamento”. “Por iso agradecemos de xeito especial á familia Menéndez Sampayo que nos cedese o seu Pazo para poder acoller a Matanza”, indica.