ARRANCA O XXIV MES DO COCIDO

Este pasado  sábado ven de arrancar o XXIV Mes do Cocido que se celebra no formato habitual desde o 15 de xaneiro ata o 14 de febreiro: de San Amaro a San Valentín “Mes do Cocido en Lalín”.

Esta edición, pola pandemia, volverá a ser diferente e aínda non poderá ser a grande edición da Feira que levamos dous anos intentando celebrar para poñer en valor ese carácter de Feira de Interese Turístico Internacional que xa temos.

Desde o concello estamos convencidos de que o Mes do Cocido vai funcionar moi ben e practicamente como un ano normal porque seguen sendo moitos os visitantes que, coas medidas de control e de seguridade da nosa hostalería, os que se achegan a degustar o Cocido de Lalín. Lalín é un destino gastronómico seguro grazas ao bo facer da nosa hostalería e a experiencia de degustar Cocido de Lalín segue intacta malia á pandemia.

Ponse así en marcha a LIV edición da Feira da Cocido na que tentaremos de facer da necesidade virtude e aproveitar que temos que adiar a parte máis importante da Feira ao 24 de abril para que Lalín sexa protagonista durante todo o primeiro trimestre do ano e tamén durante parte do segundo sempre que a pandemia o permita. Así temos planificadas actividades ao redor do Cocido desde este mes de xaneiro ata todo o mes de maio, co conseguinte dinamismo económico, transversal aos sectores produtivos.