MARÍA MARTÍNEZ ALLEGUE, NOVA COMENDADORA DO COCIDO 2026

O alcalde de Lalín confirma o nomeamento da conselleira polo compromiso con Lalín en proxectos clave vinculados co seu departamento

O alcalde de Lalín, José Crespo, anuncia a incorporación de María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, como nova Comendadora do Cocido 2026.

Crespo subliña que “con este nomeamento recoñécese a receptividade que vén demostrando Martínez Allegue con Lalín no ámbito das infraestruturas e da vivenda, así como a súa sensibilidade e disposición permanente para atender e dar resposta ás demandas formuladas desde Lalín en materias vinculadas ás competencias do seu departamento, o que pon en valor o seu papel para o impulso de proxectos estratéxicos para o municipio”.

Nacida en Pontevedra, Martínez Allegue é licenciada en Dereito e funcionaria de carreira da Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de Secretaría-Intervención e á subescala de Secretaría de entrada. A súa traxectoria profesional abrangue responsabilidades en diversos concellos galegos: exerceu como secretaria-interventora no Concello de Lousame, secretaria nos Concellos de Tui e Mos e tesoureira no Concello de Marín.

Entre 2010 e 2015 foi directora xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Posteriormente, entre 2015 e 2023, xefa de área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra, e entre 2023 e 2024 desempeñou o cargo de xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade na mesma provincia. Desde abril de 2024 é conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, á fronte dunha das áreas estratéxicas do Goberno autonómico.

Unha nómina de comendadores de alto nivel

Con esta designación, a Encomenda do Cocido 2026 suma xa aos seguintes comendadores confirmados:

Diego González Rivas, cirurxián torácico de referencia mundial e pregoeiro da Feira.

Irene Villa, escritora, psicóloga e referente internacional en superación persoal.

Luis de la Fuente, seleccionador nacional de fútbol.

Ramiro Mejuto, empresario lalinense destacado no sector do frío.

Jorge Mira, físico e divulgador científico, Medalla Galicia de Investigación e Premio da Confederación de Sociedades Científicas de España.

Almudena Maíllo, concelleira delegada de Turismo do Concello de Madrid e secretaria xeral da Unión de Ciudades Capitales Iberoamericanas (UCCI).

Antonio Chaves Cuiñas, escritor, pintor e coleccionista, que prestou apoio decisivo para o impulso do Museo Galego do Xoguete-Colección A. Chaves en Lalín (Pazo de Liñares).