A FEIRA DO COCIDO IRMÁNDASE COA FESTA DA FILLOA DE LESTEDO
  • Este irmanamento é a culminación de conversas e reunións mantidas entre o alcalde de Lalín e de Boqueixón e representantes da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo nos últimos meses e ten como obxectivo aproveitar a simbiose entre a Filloa e o Cocido achegando Lalín a súa marca de calidade e Lestedo a experiencia e o bo facer dos mellores filloeiros
  • En Lalín terá lugar o sábado 1 de febreiro un acto de visibilización deste irmanamento no marco da Feira Alvariza coa intervención dos dous rexedores, da Asociación da Filloa de Lestedo e co desenvolvemento dun showcooking de filloas a cargo do chef José Manuel Mallón

  • En Lestedo tamén se desenvolverá un acto de difusión e posta en valor deste irmanamento o día grande da Festa da Filloa, o domingo 9 de marzo, mediante a organización dun Cocido de Lalín para a degustación no xantar oficial

A Feira do Cocido de Lalín irmándase coa Festa da Filloa de Lestedo, Festa de Interese Turístico Nacional desde o pasado mes de abril. Tras levar adiante diferentes conversas e reunións nos últimos meses entre os alcaldes das dúas localidades, Lalín e Boqueixón, e representantes da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, dada a repercusión que está alcanzando a Festa da Filloa e tratando de aproveitar a simbiose coa Feira do Cocido, os dous mandatarios, José Crespo Iglesias e Ovidio Rodeiro Tato, consideraron que sería beneficioso realizar actos conxuntos de potenciación e difusión das dúas Festas, con distintivos Internacional no caso da lalinense e Nacional no caso da Filloa de Lestedo. Nestes encontros tamén tomou parte o edil de Turismo, Avelino Souto, e pola dita Asociación da Filloa, o seu presidente, Xosé Manuel Canabal, e os membros Juan Manuel Corral e Pascual Villaverde.

Así partiu a iniciativa de facer unha irmandade entre ambas festas e localidades para oficializar as sinerxías que se dan entre ambas celebracións e materializar estes lazos de unión, xa no presente ano e en adiante, que redundarán en beneficio das dúas festas. Para darlle forma a estas intencións levarase a Pleno do 29 de xaneiro en Boqueixón e do 31 de xaneiro en Lalín a aprobación dun protocolo de irmanamento entre ambos festexos e municipios.

Tras a aprobación dos acordos plenarios nas dúas Corporacións Municipais farase un primeiro acto de visibilización deste irmanamento na Feira Internacional de Apicultura de Lalín, Alvariza, o sábado 1 de febreiro ás 13 horas onde intervirán os dous alcaldes José Crespo e Ovidio Rodeiro, representantes da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo -promotora da festa- e posteriormente desenvolverase un showcooking a cargo do chef José Manuel Mallón, que preparará diferentes elaboracións nas que a filloa será o produto principal.

Con posterioridade, e coincidindo co día grande da Festa da Filloa, o domingo 9 de marzo, desenvolverase en Lestedo (Boqueixón) un acto propio para difundir e poñer o irmanamento entre ambas festas, de tal xeito que na Filloa se degustará Cocido de Lalín no xantar oficial que capitaneará un cociñeiro lalinense. Ademais, a partir de agora todos os anos celebrarán pola festividade da Filloa un Cocido de Lalín.

Trátase así de crear unha simbiose entre a Filloa e o Cocido tratándose de que esta é unha das sobremesas típicas da nosa Feira, de xeito que se aproveite a sinerxía de ofrecer desde Lalín a marca de calidade do Cocido e desde Lestedo a garantía da mellor sobremesa posible da man dos mellores filloeiros.

Festa da Filloa

A Festa da Filloa de Lestedo (Boqueixón, A Coruña), Festa de Interese Turístico Nacional desde abril de 2024, pon en valor un produto gastronómico con gran arraigo que se combina con propostas culturais con elevado enraizamento como o Entroido singular dos Xenerais da Ulla. A súa xornada grande celébrase no domingo posterior ao martes de Carnaval coñecido como o domingo de Piñata e que, nesta xa 42ª edición, cadra a 9 de marzo de 2025.

Naceu no ano 1983, froito do interese da veciñanza desta parroquia boiquexonesa por exaltar un dos pratos típicos do Entroido que máis raizame ten na nosa cultura. A Festa, organizada desde 2015 pola Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, esténdese durante varias semanas co fin de exaltar as calidades gastronómicas e a versatilidade desta tradicional sobremesa.

Demostracións culinarias e clases maxistrais con reputados cociñeiros; degustacións; música enxebre e de orquestras; actividades infantís; xornadas formativas en centros educativos; certame fotográfico Filloarte; encontros dos Xenerais da Ulla, personaxes típicos do Carnaval desta zona cos que se revitaliza outra antiga tradición da Comarca da Ulla, únense a outras propostas complementarias e compoñen o variado programa da Festa da Filloa de Lestedo.

O día grande da Festa, o campo da feira énchese, xa desde o mediodía, de xente desexosa de probar as filloas. Elaboradas a base de fariña, auga, ovos, sal e touciño para o untado, desde o ano 2004 cocíñanse en dúas orixinais máquinas chamada filloeiras da que actualmente saen unha media de 2.000 filloas cada hora.