null YOLANDA CASTAÑO PREGOA ANTE DECENAS DE MILES DE PERSOAS O COCIDO COMO O PRATO MÁIS DEMOCRÁTICO, INTEGRADOR, EUROPEÍSTA E INTERNACIONAL
YOLANDA CASTAÑO PREGOA ANTE DECENAS DE MILES DE PERSOAS O COCIDO COMO O PRATO MÁIS DEMOCRÁTICO, INTEGRADOR, EUROPEÍSTA E INTERNACIONAL

A poeta, Premio Nacional de Poesía e Premio Cultura Galega das Letras 2023, comezou o pregón da LVI Feira do Cocido dando as grazas “a quen para el pensou en min”, converténdoa na “primeira escritora en dalo”

Dedicou o seu literario pregón sazonado de retranca e humor ás mulleres de Lalín: “ás únicas mulleres do mundo felices de celebrar San Valentín namorando un porco”

Nomeáronse sete novos Comendadores: Yolanda Castaño; Michel Durrieu; Francisco Fumega; Belén Xestal; Rafael López; José González Vázquez e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

A LVI Feira do Cocido celébrase baixos os retos de lograr a desestacionalización definitiva do cocido e no de converter o turismo en recurso económico vital para Lalín, Deza e o interior de Galicia

“Quero comezar este pregón dando as grazas a quen para el pensou en min. A quen me converteu non na primeira muller, que son a sétima, pero si na primeira escritora como tal en dalo. Poderedes imaxinar o que me fai sentir sumarme á estirpe de Cunqueiro, Celso Emilio, Alonso Montero, Alfredo Conde, Carlos Casares ou Víctor Freixanes. E no meu caso, ademais, en clave de verso; pero é certo que a única poesía na que creo é a que sae do papel, excede a páxina, reborda os libros e escorrega polo mundo adiante, burbullando alí onde está a xente, sazonana de mundo e contaminada de vida”. Con estas palabras comezou a poeta, filóloga, xestora cultural, videocreadora e tradutora, Yolanda Castaño, o pregón da LVI Feira do Cocido que ofreceu hoxe en Lalín.

Continuou: “Grazas, ademais, Lalín, por facerme medrar á par da vosa consideración: uns cantos anos atrás pronunciaba nesta vila o pregón da Feira do Libro, algo máis adiante o do Cocido do Orgullo, e hoxe subídesme ata o máis alto rango do cariño que unha feira gastronómica pode expresar por alguén”.

Castaño desvelou que na súa casa “apostas, favores ou compensacións por traballos fatigosos negócianse con frecuencia co xusto e alto pago dun cocido. Intúo que para moitos <Hai tempo que non pagas un cocido> ben puidese constituír unha acusación abondo ruín. Porque é que non só de pan vive o home: fai falla un bo cocido”, afirmou.

Cocido que definiu como “a xoia cultural das Terras do Deza porque supón a metáfora de como a cultura debe ser: que conxugue o sostén da proteína, o delicado recebo do hidrato, e a unha verdura capaz de nos vitaminar”. Ao respecto precisou: “Non hai prato máis democrático tanto en canto ofrece abondo onde escoller dende as súas fontes, e case haberá tantas combinacións posibles coma comensais (Se estivese por aquí preto o meu amigo Jorge Mira faríanos a táboa da combinatoria matemática: lacón, cachucha, grelo para este; xamón, chourizo, garavanzos para aquel; pataca, polo e repolo para outra; galiña, verza e orella para a de acolá). Ninguén queda fóra do cocido, ninguén lle é alleo ao prato máis integrador. Todos e todas son benvidos á única receita á vez de culler, garfo e coitelo”.

“Diversidade: toda a que se queira, posibilidades case infinitas”, remarcou, ao tempo que se referiu tamén a el como “salvoconduto, pois, a entrar pola porta dos ceos. É de feito en Lalín onde se consta que un bo cocido faiche ascender a eles igual ca o aviador Loriga; se está tan bo como o que fan aquí, ves a estrelas como se foses Ramón María Aller”, subliñou.

Afán pacifista e cohesionador

Enxalzou tamén o cocido porque “fomenta o pacifismo (...), é mesmo anticapitalista pois xa vimos que a súa materia prima é accesible a calquera peto (...) e é cohesionador tanto en canto os seis concellos da comarca se unen sempre co mesmo afán: non importan posibles diferenzas políticas das corporacións municipais, na mesma ola todos referven cooperantes e irmandados, coma se eles mesmos fosen igualados ingredientes nunha compartida pota”.

Metáfora do que son os lalinenses

A pregoeira defendeu que “ademais dos valores da slow-food, o feito de que o cocido de Lalín se basee na calidade do produto e non tanto nunha sofisticada elaboración fálanos dunha honestidade sen máscaras. O cocido revélase así como a mellor metáfora dos lalinenses: xente franca sen artificios, sen imposturas que a podan disfrazar. Aquí o xarrete é xarrete, as galiñas son da casa, aquí o que semella unto non é outra cousa ca unto”.

“Deixádeme que siga a restra de virtudes deste banquete tan sonado. Outra das do cocido é o seu internacionalismo, e non me refiro só a súa recente declaración oficial como Festa de Interese Turístico Internacional... O cocido é un prato europeísta: resulta que ten tantos ingredientes coma estados membros da UE. Vinte e sete segundo aseveraba o gran Cunqueiro...”, sinalou.

No peche do seu literario pregón aderezado de retranca e humor, Yolanda Castaño reiterou “o agradecemento a todas as persoas escoitantes e a quen me converteu nesta sétima pregoeira e primeira entre as poetas. Permitídeme, feminista, sororal, con razón ou sen ela, dedicarllo hoxe ás mulleres de Lalín: as únicas mulleres do mundo felices de celebrar San Valentín namorando dun porco”. “Benvidos, benvidas á cincuenta e seis Feira do Cocido de Lalín. Mans ao porco, que aproveite, moi bo día e moitas grazas”, concluíu.

O cocido, un prato que se pode comer todo o ano

Esta LVI Feira do Cocido tradúcese nunha edición inmersa nos retos de lograr a desestacionalización definitiva do cocido para que todo o mundo teña claro que é un prato que se pode comer todo ano, así como no de converter o turismo nun recurso económico vital de primeiro nivel para Lalín, Deza e a Galicia de interior.

Tamén esta Feira está marcada por todos os eventos e actividades que xiran ao redor dela, entre eles, a Feira Internacional de Apicultura, Alvariza. que nesta terceira edición tivo unha moi destacada acollida; a Matanza Tradicional do Porco nunha edición sobresaínte na que estiveron presentes moitas tradicións de antano a través de recreacións escenificadas; a segunda Feira da Artesanía Alimentaria que se desenvolverá os días 8, 9 e o 10 de marzo ou un destacado proxecto expositivo da man da escultora Soledad Penalta que se pode ver no Museo Municipal Ramón Mª Aller ata comezos de abril, entre unha serie moi ampla de atractivos.

Sete novos Comenadores

Os actos deste día grande do Cocido deron comezo sobre ás 10.30 horas na Casa Consistorial coa Encomenda do Cocido, na que nesta edición ingresaron sete novos integrantes:

Yolanda Castaño (pregoeira, Premio Nacional de Poesía 2023 e Premio da Cultura Galega -Letras- 2023); Michel Durrieu (CEO Huttopia International); Francisco Fumega (alcalde do Carballiño); Belén Xestal (xornalista, comunicadora e produtora audiovisual); Rafael López (xefe do servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela); José González Vázquez (conselleiro do Medio Rural) e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe (gran impulsor do Xacobeo e do Camiño de Santiago).

De seguido, a delegación encabezada pola pregoeira, Yolanda Castaño; polo alcalde de Lalín; polo presidente da Xunta; polo presidente da Deputación de Pontevedra; polo alcalde de Madrid; na que tamén participaron varios altos cargos da Xunta de Galicia (conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades; conselleiro de Sanidade; conselleiro do Medio Rural; delegado territorial da Xunta en Pontevedra; directora xeral de Xuventude, etc.); a deputada provincial de Turismo, entre outras autoridades, así como o cartelista, Fernando Pereira, os Comendadores e membros da Corporación municipal, procedeu á apertura da Feira e a visitar a Carpa do Cocido no Campo da Feira con produtos gastronómicos típicos de Lalín e de artesanía.

A continuación a delegación dirixiuse ao palco da rúa Principal onde Yolanda Castaño ofreceu o seu pregón tras ser presentada pola comendadora, Belén Xestal. Seguiulle o desfile de charangas, agrupacións musicais e Entroidos tradicionais galegos, que abriu “Don Cocho” e pechou “O porco Queitano”.

Pola tarde, a partir das 18.30 h actuará a Charanga Ardores e de seguido a orquestra Gran Parada na Praza da Igrexa.