null VICCO, NIL MOLINER E ROZALÉN ABREN O CARTEL DA GALA DO COCIDO QUE EMITIRÁ TVG O VINDEIRO 2 DE FEBREIRO DENDE O LALÍN ARENA
VICCO, NIL MOLINER E ROZALÉN ABREN O CARTEL DA GALA DO COCIDO QUE EMITIRÁ TVG O VINDEIRO 2 DE FEBREIRO DENDE O LALÍN ARENA

O vetereno Bertín Osborne completará o elenco de artistas nacionais que participarán no evento que abre a fin de semana grande da Feira do Cocido

As orquestras galegas Panorama e Cinema tamén participarán no espectáculo lalinense

O artista lalinense Pachi, o grupo de danza Scene Ballet, o grupo SusiQ e os Trasnos de Doade, completarán a parte local do cartel da Gala do Cocido

Nesta edición, montarase unha “fanzone” na zona central da platea onde os máis novos poderán bailar e disfrutar do espectáculo como se fora un concerto, con público de pe e con movemento nesa zona que terá unha capacidade para máis de 500 persoas. O resto do aforo será sentado como todos os anos.

Comeza a coñecerse o nome de artistas que participarán o venres día 2 de febreiro na Gala do Cocido “Especial Luar” que será presentada por José Manuel Gayoso e  Esther Estévez no Lalín Arena. Como ocorreu o ano pasado, o equipo de programación da Gala optou pola contratación de artistas de amplo renome e actualidade a nivel nacional e que atraian a un público xoven, complementado por outras actuacións máis transversais a todos os públicos como destacadas orquestras e artistas veteranos.

A nómina de artistas nacionais cun amplo seguimento entre os xóvenes estará composta pola cantante e compositora catalá Vicco, autora de cancións como  “Nochentera” que acumula xa 7 discos de platino e máis de 50M de visualizacións en Youtube, o tamén catalán Nil Moliner que interpretará algunhas das súas cancións máis celebradas polo público nos escenarios e a albaceteña Rozalén cantautora e compositora de éxitos como “La Puerta Violeta” ou “A Virxe do Portovello” que interpretou coas galegas Tanxugueiras.

Tres artistas de amplo renome e atractivo nacional ás que se unirán o veterano cantante Bertín Osborne que xa estivo noutras edicións da Gala con notable éxito e apoio por parte do público presente no Lalín  Arena. O artista andaluz acaba de estrear novo disco hai xusto un mes e que se titula “Ranchero”. No espectáculo lalinense estará acompañado dun grupo de mariachis.

ORQUESTRAS

A parte de música máis festeira poñerana dúas das mellores orquestras galegas. A orquestra Panorama que aínda que nestas épocas do ano non está xirando, si participará na Gala lalinense e a orquestra Cinema, que está entre as catro ou cinco mellores orquestras galegas e con unha das postas en acción máis frescas do panorama galego.

A representación lalinense na Gala correrá a cargo do veterano cantante Pachi, que o ano pasado protagonizou un dos momentos máis emocionantes da Gala, do grupo Os Trasnos de Doade, unha formación da escola de danza Scene Ballet e o grupo SusyQ. Que amosarán unha parte do traballo creativo e musical que se fai en Lalín.

FANZONE

Para esta edición da Gala, os encargados da organización decidiron habilitar na zona central da pista,  con acceso directo dende o exterior, unha “fanzone” para a xente máis nova que desexe seguir a Gala de pe e bailando como se fose un concerto. Esta zona terá unha capacidade superior ás 500 persoas e terá un acceso separado ao do resto do público que será sentado e con unhas invitacións distintas. Esta zona terá unha idade mínima de acceso de 14 anos por unha cuestión de seguridade.

As entradas para a Gala entregaranse o martes día 30, a partir das 17:00 horas, na recepción do Concello e ata esgotar as entradas, con un máximo de dúas entradas por persoa. Os solicitantes das mesmas solicitarán que tipo de entrada desexan, se sentadas ou de pé considerando as limitacións de idade das de pé, e de que nesa zona non haberá espazo para sentarse para seguir a Gala.

MÁIS AFORO

O aforo do espectáculo increméntase en arredor de 300 persoas con respecto ao ano anterior por mor desta zona “fanzone” que os organizadores entenden que pode ser moi animada contando os artistas que figuran na Gala.

En canto aos horarios, as portas abriranse sobre as 20:30 horas e sobre as 21:00 horas pecharanse co aforo que exista nese momento e sempre e cando non se completara xa o aforo para o criterio da seguridade. Lembran dende a organización, que os billetes que se entregan son invitacións, non entradas, e que quedan supeditas ao aforo do recinto.