null CRESPO INDICA QUE A FEIRA DO COCIDO ABRE NESTA EDICIÓN UNHA NOVA FASE DE INTERNACIONALIZACIÓN E DE APERTURA DE NOVAS FRONTEIRAS
CRESPO INDICA QUE A FEIRA DO COCIDO ABRE NESTA EDICIÓN UNHA NOVA FASE DE INTERNACIONALIZACIÓN E DE APERTURA DE NOVAS FRONTEIRAS

Participaron tamén na presentación o presidente da Deputación; o director da Axencia Turismo de Galicia; a deputada provincial de Turismo e alcaldes e representantes municipais do xeodestino Deza-Tabeirós

Anunciou como primeiros Comendadores da vindeira edición da Feira ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a deportista olímpica, Teresa Portela

O alcalde de Lalín, José Crespo, promocionou e difundiu en Fitur a 57ª Feira do Cocido no marco da presentación “Deza-Tabeirós, tradición e gastronomía” nun acto que, cun auditorio repleto, contou coa presenza do pregoeiro, o embaixador plenipotenciario e extraordinario do Xapón en España, Takahiro Nakamae, a quen o rexedor lle agradeceu a súa presenza (“é todo un detalle que o señor embaixador nos acompañe”); do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; da deputada provincial de Turismo, Nava Castro, e dos alcaldes e representantes municipais do xeodestino.

 

Crespo comezou a súa intervención destacando que “presentar a Feira do Cocido é, para unha persoa de Lalín, case como un símbolo de identidade, emblema da Galicia interior”. “Levamos xa 57 anos, e na edición deste ano, onde o pregoeiro é internacional, queremos abrir unha nova fase de internacionalización e con elo a apertura de novas fronteiras”, fixo fincapé. Neste sentido indicou que “a Feira do Cocido cumpriu xa varias etapas cruciais no seu crecemento: difusión nacional e internacional; desestacionalización e agora abra a internacionalización como propia Feira”.

 

Así, afirmou ao respecto, “queremos que a Feira cobre unha nova dimensión abrindo novos vieiros de promoción e difusión”. “Nesta edición -remarcou- o pregoeiro será por primeira vez un persoeiro de fóra de España; unha figura internacional como é o embaixador do Xapón en España”. “Na Feira participarán outros representantes estranxeiros como o alcalde de Miami e comisionado do distrito 3 desta área metropolitana, Joe Carollo e tamén estarán representantes da empresa Huttopia”. “Proxectos como os de Huttopia ou o crecemento dos peregrinos na Vía da Prata e no Camiño de Inverno van contribuír a difundir os nosos atractivos, especialmente turísticos”, sinala.

O mandatario lalinense afirmou que “teño gratos recordos de Fitur, en 2020, a secretaria de Turismo outorgounos aquí o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional; ese mesmo ano contactei cunha empresa francesa, Huttopia, e agora está facendo o seu proxecto en Lalín, e o 27 de xuño inaugurarán unha cabañiñas de madeira, unha iniciativa que fará de Lalín un punto de referencia no turismo de tranquilidade”. “Desfrutar do turismo de tranquilidade é un punto importantísimo que imos tentar rendibilizar e poñer en valor”, resaltou. Crespo convidou a todos a participar da 57ª Feira do Cocido, o 23 de febreiro, unha “Feira do Cocido na que tamén estaremos homenaxeando a Rosalía de Castro e a Laxeiro”.

Comendadores

Por outra parte, o rexedor lalinense anunciou hoxe que a lista de Comendadores que prometerán o seu cargo na defensa da Feira do Cocido o vindeiro 23 de febreiro, coincidindo coa celebración do día grande, ábrese co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, e coa  piragüista olímpica, Teresa Portela.

Crespo referiuse a Luis López como un fillo político del. Este dezao, licenciado en Dereito pola USC, desenvolveu o seu labor na empresa privada como técnico de organización e en diversas empresas do sector servizos e outros. Foi alcalde de Rodeiro desde 2011, cargo que revalidou con maiorías absolutas en 2015 e 2019. Anteriormente, entre 2003 e 2007, foi concelleiro de Cultura, Educación e Deportes. Desde 2019 e ata o seu nomeamento como delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, en 2021, tamén foi deputado provincial na Deputación de Pontevedra. Entre 2011 e 2019 presidiu a Mancomunidade de Terras de Deza. Desde 2023 é presidente da Deputación de Pontevedra.

Teresa Portela, nada en Cangas do Morrazo, subcampioa olímpica nos Xogos Olímpicos de Tokio 2021. Participou en 7 Xogos Olímpicos de xeito ininterrompido desde os Xogos de Sydney no ano 2000 ata os últimos Xogos Olímpicos, celebrados no pasado mes de agosto en París 2024. Converteuse na muller española con máis participacións olímpicas.

Ao longo da súa carreira deportiva conseguiu grandes logros deportivos, como son a prata olímpica, 6 diplomas olímpicos, e logrou ser 2 veces campioa do Mundo e 6 veces campioa de Europa, entre outros. Non só se centrou na súa carreira deportiva, senón que tamén na súa formación académica obtendo o Grao de Fisioterapia e a Diplomatura de Mestra. A nivel persoal, afirma que a maternidade foi a súa gran medalla. E a conciliación, o seu gran reto diario.