null A XXV MATANZA TRADICIONAL DO PORCO LEVARASE ADIANTE NA CASA DE AMORÍN DE CATASÓS, UNHA CASA CENTENARIA CUN AMPLO SAÍDO
A XXV MATANZA TRADICIONAL DO PORCO LEVARASE ADIANTE NA CASA DE AMORÍN DE CATASÓS, UNHA CASA CENTENARIA CUN AMPLO SAÍDO
  • O edil de Festas e de zona, José Cuñarro, visitou estes días co pedáneo, Antonio Fernández, o inmoble, cedido pola familia Amorín, a quen agradece o xesto

A XXV edición da Matanza Tradicional do Porco que se celebrará o domingo, 16 de febreiro, na parroquia de Catasós, xa dispón de espazo onde ser desenvolta: trátase da Casa de Amorín, no lugar de Antuín (Catasós). Así o avanza o concelleiro de Festas e de zona, José Cuñarro que, estes días, acompañado do pedáneo de Catasós, Antonio Fernández Fernández, visitou o inmoble e construcións anexas onde se levará adiante a Matanza.

 

É a Casa de Amorín, casa que data en orixe do século XVIII e que tivo a última reforma importante en 1850. É polo tanto unha casa centenaria, con eira empedrada, forno, alpendre acondicionado para labores diarios, curro, lareira, corredor como había antigamente nas casas de labranza, hórreo de tres claros e amplo saído, explica o edil, ao tempo que agradece á familia Amorín pola cesión da casa para a realización do evento.

 

Cuñarro indica que “unha vez feita a Matanza os asistentes desprazaranse ao campo da festa, que dista uns cen metros, onde haberá degustación de produtos típicos do porco e actuacións musicais para amenizar a Matanza”. “Enfronte do campo da festa haberá fincas para poder aparcar os coches, zona que estará debidamente sinalizada”, afirma.

 

O edil sinala que “a asociación de veciños, a comisión de festas e o pedáneo da parroquia, son as tres partes que levan a cabeza visible da organización pero cómpre indicar que na Matanza está implicada toda a parroquia”. “Este ano tócalle á parroquia de Catasós, na área de Alto de Vales, que conforman tamén Donramiro e Moneixas estando aberta a colaboración tamén a elas, unha axuda que sería ben recibida por parte dos de Catasós”, remarca.

 

Por último o concelleiro precisa que “queremos convidar a todas as áreas parroquiais e ao casco urbano a que o vindeiro 16 de febreiro se acheguen ata Catasós para participar nunha das tarefas máis importantes e enxebres de todas as casas porque tradicionalmente a Matanza supoñía asegurar a comida para todo un ano”.