null CRESPO REÚNESE CON HOSTALEIROS DO MES DO COCIDO PARA PREPARAR TODO O RELATIVO Á FEIRA DO COCIDO DO VINDEIRO ANO
CRESPO REÚNESE CON HOSTALEIROS DO MES DO COCIDO PARA PREPARAR TODO O RELATIVO Á FEIRA DO COCIDO DO VINDEIRO ANO
  • Ademais da habitual presencia en Fitur, onde se presentará a Feira dentro do stand de Turismo de Galicia ao abeiro do xeodestino Deza e Tabeirós, a Feira volverá a contar nesta edición coa Gala de Gastronomía de Galicia que retransmite TVG desde o Lalín Arena

  • O vindeiro ano está prevista a celebración dunha presentación, para a que xa se conta con financiamento externo ao Concello, no exterior

O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, e o concelleiro de Turismo, Avelino Souto, mantiveron o xoves pola tarde unha xuntanza cunha vintena de hostaleiros de Lalín para avanzarlles todo o relativo á vindeira edición da Feira do Cocido, que se celebrará o 23 de febreiro. Un encontro que se aproveitou para abordar cuestións relativas ao funcionamento da hostalería e a novidades que se producirán de cara ao vindeiro ano.

 

O edil de Turismo, que ostenta a competencia pola baixa de maternidade da compañeira Begoña Blanco, comezou a xuntanza presentando o deseño do pin do Cocido desta edición, realizado polo cartelista da Feira, que pola súa configuración será máis barato para os hostaleiros que os da edición anterior, ao ter menos cores. Un pin que se presentará en canto se realicen as primeiras unidades e que empezarán a repartir aos hostaleiros o vindeiro 15 de xaneiro coincidindo co inicio do Mes do Cocido. Precisamente, coincidindo cos días anteriores a esa data, tamén sairán á rúa os porquiños do Cocido que se situarán naqueles restaurantes que o soliciten e ata esgotar o número deles dispoñibles.

 

GALA DE GASTRONOMÍA

 

Souto fixo un relatorio de todas as actividades nas que se está traballando e programando para levalas a cabo. Ademais da habitual presencia en Fitur, onde se presentará a Feira dentro do stand de Turismo de Galicia ao abeiro do xeodestino Deza e Tabeirós, a Feira volverá a contar nesta edición coa Gala de Gastronomía de Galicia que retransmite TVG desde o Lalín Arena e que nos últimos anos gañou un pulo importante pola presenza de artistas xoves e de moita actualidade que propiciaron a presenza de numeroso público e abarrotaron esta instalación deportiva.

 

Un calendario para os meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril e maio que encherá de actividades a vila e que colocará a Lalín como punto de encontro de visitantes de toda Galicia. Un programa de actividades que podería rexistrar algunha variación nas datas e a incorporación de novos eventos.

 

O alcalde de Lalín, na súa intervención, avanzou que o vindeiro ano está prevista a celebración dunha presentación, para a que xa se conta con financiamento externo ao Concello, no exterior. Unha presentación que podería celebrarse nun dos países de Centroeuropa e que permitiría continuar co traballo de difusión internacional que se fai de xeito regular do Cocido. Para este evento, no que se está traballando, e que se celebraría nas semanas anteriores á Feira, o alcalde solicitou aos hostaleiros presentes, unha vintena, algún voluntario para encargarse da elaboración do prato tradicional lalinense para unha celebración na que participarían un número considerable de persoas.

 

POSIBILIDADES QUE SE ABREN CON HUTTOPIA

 

Por último, o rexedor explicou aos presentes o proxecto de Huttopia que se porá en marcha ao longo do ano 2025 e que vai a propiciar un incremento do número de visitantes e de pernoctacións en Lalín, incorporándose aos potenciais clientes en Lalín, un bo número de persoas procedentes de Europa e Norteamérica, onde se sitúa un bo número de clientes da multinacional dos “glamping”. O rexedor indicou as posibilidades que se abren tanto a nivel restauración como a nivel de empresas de ocio e que podería ser aproveitado por empresarios locais.