O libro “Cociña Galega Tradicional (receitas, tradición, historia e evolución)”, de Matilde Felpeto Lagoa, vén de proclamarse como a obra gañadora da XXIV edición do Premio de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”. O traballo foi o mellor valorado polo xurado entre as 22 propostas que se presentaron á convocatoria deste ano. Nesta edición o xurado estivo composto por representantes do mundo do xornalismo de recoñecido prestixio, entre os que estaban os decanos das facultades de comunicación de Galicia -Xosé Ramón Pousa (Santiago), Luís Hernández (A Coruña) e Xosé Baamonde (Pontevedra). Tamén formaron parte do tribunal, o vicedecano do Colexio de Xornalistas de Galicia e director da revista “Luzes”, Xosé Manuel Pereiro, e a xornalista e escritora Rosa Aneiros.

Cociña galega Tradicional”

O volume recolle as principais receitas do legado culinario de Galicia, relatando, en cada caso, a historia principal do prato e as distintas maneiras de preparalo. Neste libro descríbese a elaboración da receita máis tradicional, pero tamén como foi concibida polos cociñeiros clásicos e a súa evolución ata a actualidade. Ademais analiza a presenza das receitas nas obras dos escritores gastronómicos galegos, testemuñas fundamentais para coñecer a historia da nosa cociña, así como a opinión de ilustres gourmets sobre os pratos máis representativos da nosa cociña. Seguindo unha tradición que vincula esta obra coa liña de afamados escritores como o propio Álvaro Cunqueiro, na narración conflúen a historia, a cultura e o pracer coa intención de que os lectores reflexionen e miren dun xeito diferente o prato que van degustar.

O libro foi publicado en 2017 -con versión e galego e castelán- por Edicións Xerais de Galicia. A súa autora, Matilde Felpeto Lagoa é licenciada en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela. É unha estudosa da gastronomía popular galega e autora de libros como “Recetas de la cocina familiar gallega”, “Cocinar con albariño”, “Recetas de repostería tradicional de la cocina gallega y portuguesa” ou “40 menús para 40 banquetes”, ademais deste “Cociña galega tradicional”.

O primeiro premio ao mellor traballo xornalístico presentado entre todas as categorías está dotado con tres mil euros.

O Equilibrio dos opostos

Por outra banda, segundo premio do XXIV Premio de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, dotado con mil euros, recaeu en “O equilibrio dos opostos”, unha longametraxe documental dirixida e producida por Alberto Baamonde Bello, autor que xa o ano pasado obtivera o primeiro premio deste certame coa película “Cociñando na fin do mundo”. O documental foi estreado no Festival internacional de cine documental PLAY-DOC, de Tui, o 22 de marzo de 2017.

O equilibrio dos opostos” narra como, en novembro de 2014, o cociñeiro do Grove Javier Olleros ten que pechar o seu prestixioso restaurante “Culler de Pau”, posuidor dunha estrela Michelin. Unha situación incontrolable levaba camiño de arruinar a súa vida e a da súa familia ata que Javier Olleros decide darlle a volta e convertila na realización do seu soño profesional. Nestes momentos de incerteza e ilusión, a través deste documental, somos testemuñas do seu proceso de busca, e descubrimos as súas raíces: a figura do pai e a diáspora; O Grove, península-illa; unha xuventude difícil; a loita contra a inxustiza; e a contínua procura do equilibrio. É, en definitiva, unha película sobre a superación da adversidade, a familia e a cociña como rendención.

O director e produtor, Alberto Baamonde, comezou a súa carreira hai máis de dez anos no mundo da televisión, a música e a publicidade. Co seu alter-ego Zinqin, traballou como director de vídeos publicitarios, especializándose en música, turismo e gastronomía, as súas grandes paixón no outro lado do obxectivo. Cunha sensibilidade especial para narrar a Galicia máis emocional, iníciase na dirección cinematográfica coa súa primeira longametraxe, “Cociñando na fin do mundo”. “O equilibrio dos opostos” é a súa segunda longametraxe.

Premio ao mellor traballo académico

Na categoría de mellor traballo académico, a opción escollida polo xurado foi a reportaxe multimedia “Algo pasa coas algas”. Trátase dun traballo de Iago Couce Castro, Lucía Crujeiras Losada, Gabriel Fuentes Míguez e Alejandro Gesto Louro, estudantes do terceiro curso do Grao de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela. “Algo pasa coas algas” é un proxecto que -a través da web https://algopasacoasalgas.wixsite.com/algopasacoasalgas- debulla a historia e as características das algas nas costas galegas e a súa relación coa gastronomía e a industria, así como a súa evolución como produto culinario xa que, como sucedeu co marisco, pasou de ser estigmatizado a converterse nun ben moi prezado.

O premio ao mellor traballo académico está dotado con 1.000 euros.

Premio Álvaro Cunqueiro

Un total de 22 traballos foron presentados para participar no XXIV Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que pechou o prazo de entrega de candidaturas o pasado día 22 de decembro. Este certame que organiza cada ano o Concello de Lalín como actividade complementaria da Feira do Cocido e que conta coa colaboración de Turismo de Galicia, ten a finalidade fomentar a difusión da cociña galega e da gastronomía en xeral, e recoñecer o labor realizado por estudantes, xornalistas e escritores que prestaron especial atención ao devandito tema. Nesta edición os galardóns contaron cun total de 5.000 euros destinados a premios.