A 24ª MATANZA TRADICIONAL DO PORCO CONTOU CUNHA GRANDE PARTICIPACIÓN NUNHA DAS SÚAS EDICIÓNS MÁIS SOBRESAÍNTES

A recreación deste evento identitario desenvolveuse na magnífica casa fidalga de Golmar de Anzo e estivo organizada conxuntamente pola veciñanza de Anzo e de Busto.

Crespo agradeceu a total implicación dos veciños da parroquia de Anzo e de Busto, que traballaron da man da comisión organizadora en colaboración cos edís de Festas, José Cuñarro, e de zona, Marcos Mariño para acadar esta edición exitosa.

O rexedor tamén deu as grazas á familia Cortizo por ceder un inmoble tan singular e ideal para a recreación da Matanza.

Manuel Vilariño e Daniel González Alén narraron en directo o desenvolvemento da Matanza.

Foi unha das edicións máis completas no que respecta ás tradicións xa que contou con diversas recreacións de carácter etnográfico: mostra de antigos oficios, de tabernas antigas, da escarocha do millo, a presenza dun escribán ou a representación dunha regueifa da torna da auga.

Houbo degustación de produtos típicos do porco e música a cargo da Carballeira de Cercio e Trío 3.com

A XXIV Matanza Tradicional, que hoxe tivo lugar na casa de Golmar de Anzo, organizada conxuntamente pola veciñanza das parroquias de Anzo e Busto, contou cunha elevada participación de veciños e visitantes, e foi unha das edicións máis sobresaíntes e completas xa que contou con moitas actividades e representacións de carácter etnográfico.

O alcalde José Crespo, agradeceu enormemente a total dispoñibilidade que os veciños destas dúas parroquias tiveron dende o primeiro momento para ser organizadores da Matanza, da man da comisión organizadora integrada por veciños de ambas dúas parroquias e dos concelleiros de Festas, José Cuñarro, e de zona, Marcos Mariño. O rexedor tamén agradeceu de primeira man á familia Cortizo (ao matrimonio conformado por José Luis Cortizo Vila e María José Méijome Pérez e ao seu fillo e nora, Rubén Cortizo Méijome e Ana Valladares González) a cesión da magnífica casa fidalga e as súas construcións anexas para levala adiante. Trátase dun inmoble singular con hórreo, palleira, lareira, portada de madeira, eira enlousada de pedra, entre outros moitos elementos singulares.

Asistiu tamén unha nutrida representación de membros da Corporación Municipal, ademais do conselleiro de Cultura, e do presidente da Deputación de Pontevedra.

O porco foi un exemplar lalaíno de 184 quilogramos en canal, que foi transportado como tradicionalmente se facía, nun carro tirado por vacas e foi levado ao lugar do seu despece. Tras a Matanza, houbo unha degustación de produtos típicos como a costela, torresmos e chourizos. A maiores, a veciñanza aportou unha gran diversidades de sobremesas típicas.

 

Por outra banda, a celebración da Matanza foi narrada e comentada polo xornalista Manuel Vilariño e polo Cronista Oficial de Lalín, Daniel González Alén, que achegaron aos visitantes aspectos historiográficos, etnográficos, culturais e ata anecdóticos ao redor deste evento que está tan enraizado nas nosas tradicións.

Ao  longo do proceso de recreación da Matanza houbo varias representacións de carácter etnográfico que sumaron un atractivo máis ao evento, tales como unha exposición de apeiros de labranza, de antigos oficios, a representación da chegada dunha emigrante procedente de Bos Aires, o afiado de gadañas, a escarocha do millo, a escenificación dun escribán que se trataba de redactar todo tipo de documentos relacionados coa vida dunha parroquia, ou a representación dunha regueifa da torna da auga, moi representativa das antigas liortas entre veciños. Tamén contou tamén coas actuacións musicais da Carballeira de Cercio e do Trío 3.com