O director de la Vuelta a España, Javier Guillén, e a presentadora da TVG e “Premio Circom ao Novo Talento en Pantalla 2022” incorpóranse á Encomenda 2023 que estará conformada por outras cinco destacables personalidades
O director de la Vuelta a España, Javier Guillén, e a xornalista e presentadora da Televisión de Galicia -do programa Malicia Noticias desde o 2019 e do espazo Vaia Troula desde 2022-, Noelia Rey, que foi galardoada co “Premio Circom ao Novo Talento en Pantalla 2022” que outorga a Axencia Europea de Televisións Rexionais incorpóranse á Encomenda do Cocido 2023, da que entrarán a formar parte nesta edición o pregoeiro José Ribagorda; a empresaria lalinense, Clara Rodríguez; a tamén lalinense presidenta da Asociación Carabelo, Valentina Díaz; o artista Xosé A. Touriñán e o embaixador de Arxentina en España, Raúl Alfonsín.
Así o anunciou hoxe o alcalde, José Crespo, na presentación en Santiago de Compostela da LV Feira do Cocido, na que estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; pola concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lalín, Begoña Blanco, e polo cociñeiro Álex Iglesias que fixo unha degustación de cocido en directo.
Crespo afirmou que “a LV Feira do Cocido que celebraremos este domingo 12 de febreiro será a primeira edición que se celebre con normalidade e sen restricións dende 2020, sendo unha das poucas festas importantes que non perdeu ningunha edición, só se adiou”.
Destacou que “quixemos facer un esforzo especial a todos os niveis para que a Feira volva a coller un pulo importante despois deste dous anos atípicos”. “Un esforzo -fixo fincapé- que se traduce en ser unha edición moi mediática, xa que recuperamos a Gala do Cocido na que contaremos como actuacións destacables Omar Montes e Beret, entre outras; tamén Telecinco emitirá o seu informativo de mediodía do día 12 en directo dende a Praza da Igrexa, e na que contaremos cun pregoeiro de excepción como Pepe Ribagorda”.
“Ademais nesta edición da Feira contaremos coa presenza de tres delegacións extranxeiras na vila: Chascomús, Federación dos Linden e Escaldes, ademais de contar cun cartel importante na Encomenda”, subliñou.
Así mesmo o alcalde avanzou que será unha “edición solidaria” xa que 30 de marzo celebrarase en Madrid o Cocido Solidario da ONCE para 1111 persoas. “Será probablemente no Palacio de Cristal da Casa de Campo e será elaborado por media decena de cociñeiros lalinenses que se desprazarán a Madrid para preparalo in situ”, engadiu. “Un evento que faremos da man e en colaboración coa ONCE, que xa está avanzado e no que participará unha ampla representación da vida política, social e cultural da capital e que axudará a difundir a feira e o prato”, remarcou.
De igual modo, se referiu a que este ano “se dará un paso máis na difusión dos nosos produtos”. “Así nesta edición haberá unha novidade como a Feira de Artesanía Alimentaria que se une á celebración de Alvariza que cumpriu este ano a súa segunda edición”, afirmou.
“Para o domingo agárdase unha xornada cun aforo importante. Espérase un día fermoso e o número de reservas está desbordado. De feito contábanos algún restaurante dos grandes que levan semanas rexeitando reservas e remitíndoos a outros establecementos dos concellos limítrofes”, engadiu.
“O Mes do Cocido está sendo moi longo. Comezou xa en outubro, e continúa con moita forza e agardemos que remate moi adiante. Hai hostaleiros dos que teñen cocido todo o inverno que levan dende decembro todas as fins de semana cheos. Dinos que está sendo unha gran tempada de cocidos”, indicou.
Explicou que “levamos uns meses traballando en xuntarnos as feiras máis importantes de Galicia como o Polbo, o Marisco e Cocido para con outras festas da mesma dimensión a nivel nacional formar un lobbie de festas que nos axudemos a difundir a nosa imaxe gastronómica conxunta e a captar potenciais visitantes a nivel internacional”.
“A Feira do Cocido foi a primeira feira gastronómica internacional e queremos seguir abrindo barreiras que nos permitan difundir os nosos atractivos e vender os nosos produtos de primeira calidade”, aseverou.
Rematou “convidando a todos os galegos a que se acheguen a Lalín a desfrutar da Feira gastronómica que rompe o xeo no calendario das grandes festas e a gozar da antesala do Entroido”.
Pola súa banda a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que “a posta en escena da presentación non puido ser mellor xa que se está a representar a tradición e a imaxe de como é o verdadeiro Cocido de Lalín”. Fixo fincapé tamén en que “tras pasar de Festa de Interese Turístico Nacional, obtivo a distinción de Festa Gastronómica de Interese Turístico Internacional, que serviu para posicionar Lalín como enclave xeográfico cando en calquera parte do territorio nacional ou incluso internacional se fala de comer un cocido. A maiores diso, e de presumir da tradición, estase a vender cara fóra de Galicia que aquí, na comunidade galega, se saben facer as cousas”.
Noutra banda, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, desculpou a ausencia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e destacou que “a presentación desta Feira neste enclave cultural como é a Cidade de Cultura de Galicia, é un verdadeiro acerto, ademais, sendo Lalín unha potencia agrogandeira, e produtora da súa propia materia prima é aínda mais destacable”. Indicou tamén que “é das primeiras festas do ano e que congrega a todos os que son da zona e aqueles que son fans de este tipo de comida, e é que aos galegos gústalles moito reunirse arredor dunha mesa con un bo cocido e sobre todo un Cocido de Lalín”. Rematou facendo fincapé en que “esta festa non soamente é unha festividade gastronómica senón que xa se converteu nun evento social ao que gran parte dos veciños tanto da comarca coma do territorio galego acoden”.