· Lalín inaugura a 28ª edición do Mes do Cocido que medra en apoio empresarial
· Incorpórase como comendador o seleccionador español de fútbol, Luis de la Fuente
Onte tivo lugar a presentación oficial do Mes do Cocido 2026, a súa 28 edición, que comeza hoxe nos restaurantes de Lalín e se prolongará ata o 14 de febreiro. No acto participaron todos os patrocinadores da Feira do Cocido, nun encontro que serviu para recoñecer o traballo conxunto das entidades públicas, das empresas privadas, dos hostaleiros e dos produtores na defensa e potenciación da nosa celebración máis emblemática. O Mes do Cocido consolídase así como un dos grandes motores de promoción gastronómica e turística do municipio.
Este ano participan 26 restaurantes, cun prezo medio de 37 euros e un aforo aproximado de 150 persoas por establecemento. A maioría require reserva previa, dada a elevada demanda que esperta o prato rei da vila. Ademais, 62 empresas —entre cárnicas, queixerías, adegas, produtores de mel e panadarías— suman a súa imaxe á do Mes do Cocido, reforzando a visibilidade do evento e contribuíndo ao seu crecemento. O alcalde de Lalín, José Crespo, agradeceu o compromiso de todos eles e apelou ao máximo coidado do produto e da elaboración, lembrando que “no que sementamos hoxe está o futuro da nosa Feira”.
Durante a presentación anunciouse tamén o calendario de accións promocionais da 58ª Feira do Cocido, que incluirá actos en Oviedo, Madrid Fusión e no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, en Santiago de Compostela. Ademais, por petición do presidente da entidade —natural de Lalín—, a Feira será presentada tamén na Casa Galicia de Nova Iorque, reforzando a proxección exterior do Cocido e o papel de Lalín como capital gastronómica.
Outro dos anuncios destacados foi a incorporación do seleccionador español de fútbol, Luis de la Fuente, á nómina de comendadores do Cocido, distinción que recibirá o propio día da Feira xunto ao resto de persoas homenaxeadas nesta edición. O acto serviu tamén para iniciar o reparto do pin do Cocido, deseñado por José María Barreiro, autor do cartel deste ano, unha peza que se prevé de grande demanda entre os visitantes.
Con este arranque, Lalín dá o pistoletazo de saída a un Mes do Cocido que combina tradición, gastronomía e promoción exterior, e que se presenta como unha das edicións máis completas e participativas dos últimos anos. O Concello anima a veciños e visitantes a gozar dun programa que celebra a identidade colectiva e o orgullo de pertenza a través dun dos pratos máis recoñecidos da cociña galega.