Antón López, Javier Rodríguez e Abraham Rodríguez álzanse co galardón ao mellor traballo académico pola reportaxe multimedia “Masa e Zaragallada”.
Ambos premios entregaranse na Gala do Cocido que será retransmitida pola TVG desde o Lalín Arena o venres 30 de xaneiro.
Armando Requeixo alzouse co XXXII Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, recoñecido como o galardón periodístico máis importante de España e dotado con 4.000 euros. O Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico está promovido polo Concello de Lalín en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, coas asociacións gastronómicas galegas e coa Axencia Turismo de Galicia (Xunta de Galicia).
Armando Requeixo Cuba foi elixido gañador deste XXXII Premio Nacional, por unanimidade do xurado, ao mellor traballo xornalístico presentado entre todas as categorías polo artigo “O contemplador de estrelas. Álvaro Cunqueiro, gastrónomo”, publicado no suplemento “Faro da Cultura” de Faro de Vigo.
Así o acordaron os integrantes do xurado na deliberación celebrada hoxe na Casa do Concello de Lalín que destacaron do traballo de Requeixo “a calidade literaria do traballo no que amosa un profundo coñecemento de Lalín e da cociña lalinense a través dun percorrido pola obra de Álvaro Cunqueiro como gastrónomo”.
O xurado estivo presidido polo alcalde de Lalín, José Crespo, e integrado por destacados xornalistas como Martín Fernández Vizoso; Alberto Barciela Castro; Belén Xestal Ares; María José Imia Vázquez, en representación de Turismo de Galicia; Xosé Ramón Pousa Estévez e a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Alba Silva Rodríguez, e no que tamén participou a concelleira de Turismo do Concello, Begoña Blanco, e Inmaculada Vilariño do Gabinete de Comunicación do Concello de Lalín como secretaria do xurado.
O premio na categoría de traballo académico, dotado con 1.000 euros, foi para o grupo de estudantes do Dobre Grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual na USC, conformado por Antón López Eiroa, Javier Rodríguez Gonzalez e Abraham Rodríguez Santamaría, pola súa reportaxe multimedia “Masa e Zaragallada”, polo seu gran labor xornalístico no tratamento gráfico e no desenvolvemento do mesmo, en palabras do xurado.
Os premios entregaranse o venres 30 de xaneiro na Gala do Cocido, que será retransmitida pola TVG desde o Lalín Arena.