RESTAURANTE “A DE ROSA”, RESTAURANTE “TERRA”, DISCARLUX S.L., “CORTES DE MUAR” E “FORJAS DEL SALNÉS”, XXXII PREMIOS DE GASTRONOMÍA DE GALICIA

Os galardóns, que se fallaron o luns, entregaranse o venres 30 de xaneiro na Gala do Cocido que se celebrará no Lalín Arena retransmitida pola TVG

O alcalde de Lalín, José Crespo, presidiu a reunión do xurado da XXXII edición dos Premios de Gastronomía de Galicia. O xurado estivo conformado por:

Begoña Blanco Blanco, concelleira de Turismo de Lalín.

José Paz Gestoso, director do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG).

Manuel García, do Restaurante A Costiña, en representación do Grupo Nove.

Javier Outomuro Castro, do Restaurante A Taberna, en representación de Amigos da Cociña Galega

José Luis Iglesias González, do Restaurante Cabanas como membro de Eurotoques, Xantares, Lareira e Amigos da Cociña Galega

Cecilia Sanmartín Soto, en representación da Comisión do Cocido da Hostalería Local

e César López Arribas, secretario xeral do Concello, que actuou como secretario do xurado

O xurado decidiu outorgar os seguintes premios, todos por unanimidade dos seus membros:

En primeiro lugar, o Premio “Pepe Solla” ao labor de toda unha vida dedicada á gastronomía recaeu en Restaurante “A de Rosa”, na Pobra do Caramiñal (A Coruña).

No apartado do “Premio ao profesional que máis se distinguira na potenciación da Cociña Galega”, alzouse co galardón Restaurante “Terra”, en Fisterra (A Coruña)

O xurado distinguiu no apartado do “Premio á empresa ou entidade que máis contribuíu á promoción da gastronomía galega e dos produtos gastronómicos galegos” a “Distribuciones Discarlux-José Portas”.

Así mesmo o xurado concedeu o “Premio ao pequeno produtor galego” á empresa “Cortes de Muar”, de Negreiros (Silleda).

Por último, no apartado do “Premio á adega ou empresa vitivinícola” o galardón recaeu en “Forjas del Salnés” de Meaño (Pontevedra).

Os premios de Gastronomía de Galicia entregaranse xunto ao XXXII Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro na Gala do Cocido o venres 30 de xaneiro que se celebrará no Lalín Arena e que será retransmitida pola TVG.