Un recoñecemento “á longa e destacada traxectoria empresarial que este empresario lalinense protagonizou ao longo de varias décadas ao fronte dunha empresa referente no seu sector como Megodeza”.
O alcalde de Lalín e Gran Comendador da Orde da Encomenda do Cocido, José Crespo, anunciou que o empresario lalinenses Ramiro Mejuto, será un dos comendadores, que xunto a Irene Villa e o pregoneiro Diego González Rivas, que será ordeado coa capa de defensor do cocido. Un recoñecemento “á longa e destacada traxectoria empresarial que este empresario lalinense protagonizou ao longo de varias décadas ao fronte dunha empresa referente no seu sector como Megodeza”. Recoñécese deste xeito o “seu espíritu emprendedor e o seu traballo innovador nun sector tan competitivo como o do frío industrial”. Crespo lembrou que Ramiro Mejuto xa recibiu o premio lalinense do ano en 2011.
CURRICULU VITAE
Ramiro Mejuto Pumar, empresario lalinense e xerente de Megodeza, conta cunha traxectoria profesional de máis de tres décadas vencellada á innovación industrial e ao desenvolvemento tecnolóxico. Iniciou a súa actividade empresarial a mediados da década de 1980 cun pequeno taller en Lalín, desde o que foi asentando as bases dun proxecto que medrou de maneira sostida ata converterse nun referente no ámbito da refrixeración industrial, a climatización técnica e as solucións frigoríficas a medida.
En 1992 fundou Megodeza S.L., empresa que dirixe desde entón e que evolucionou desde unha estrutura moi reducida ata dispoñer de varias instalacións industriais no municipio de Lalín, con presenza en proxectos de ámbito estatal e internacional. Ao longo destes anos, Ramiro Mejuto destacou pola súa aposta continuada pola innovación, a eficiencia enerxética e o desenvolvemento de tecnoloxía propia aplicada ao sector industrial.
A súa traxectoria empresarial foi recoñecida con diversos galardóns, entre eles o de Lalinense do Ano, concedido polo seu compromiso co progreso económico e social da vila, así como distintos premios á iniciativa emprendedora e á traxectoria profesional no ámbito das pequenas e medianas empresas. Recentemente, Megodeza presentou desenvolvementos tecnolóxicos premiados no eido das bombas de calor e do frío industrial en foros especializados de carácter internacional. Alén da súa faceta profesional, Ramiro Mejuto é recoñecido pola súa vinculación persoal con Lalín e pola defensa dun modelo empresarial baseado no esforzo continuado, a proximidade e a creación de emprego cualificado no territorio.