Símbolo de superación, resiliencia e compromiso coa liberdade e os dereitos humanos, recibirá o título de Comendadora o vindeiro 8 de febreiro.
O alcalde de Lalín, José Crespo, anuncia como Comendadora da 58ª Feira do Cocido a Irene Villa González, que se incorporará á Orde, co compromiso de difundir, protexer e apoiar a Feira do Cocido e ao prato do Cocido de Lalín. Crespo destacou de Villa “ser símbolo de superación, resiliencia e compromiso coa liberdade e os dereitos humanos”.
Irene Villa (Madrid, 1978) é xornalista, escritora, psicóloga e conferenciante. Sobreviviu con 12 anos, ao atentado de ETA do 17 de outubro de 1991. Como consecuencia, Irene perdeu as dúas pernas e tres dedos dunha man e tamén resultou ferida a súa nai, á que lle amputaron unha perna e un brazo.
Lonxe de deixarse vencer polo trauma, Irene converteuse nunha voz activa pola paz, a tolerancia e a esperanza. Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Europea de Madrid CEES, licenciada en Psicoloxía pola Universidade Complutense e Licenciada en Humanidades pola UEM-CEES, traballou en diversos medios de comunicación e publicou varios libros, entre eles "Saber que se puede", "Nunca es demasiado tarde, princesa" o "Como el sol para las flores". A súa historia inspiradora levouna a dar conferencias por todo o mundo, defendendo valores como o perdón, a gratitude e a confianza.
No 2006 participa por vez primeira nuns campionatos nacionais de deportes paralímpicos, nos que conseguiu o título de subcampioa de España. En 2007 comeza a forma parte do primeiro equipo feminino de esquí en silla no equipo de competición de Esquí Alpino Adaptado da Fundación. En 2010 conseguiu dous ouros nos campionatos de Cataluña, dúas pratas e dous bronces en Campionatos de Francia e dúas pratas en Campionatos de España´10.
En 2015 creou a Fundación Irene Villa, orientada á integración laboral e á asistencia social das persoas con discapacidade. Agora mesmo, colabora con diversas organizacións que traballan pola inclusión e os dereitos das persoas con discapacidade.
Entre os numerosos premios e galardóns conta coa nominación ao Premio Príncipe de Asturias da Concordia (1992), Premios Joya de Madrid 2001 como exemplo de paz e convivencia, Premio Nacional de Valores Educativos Colexio Maior San Pablo 2002, Premio Isabel Ferrer 2007, Micrófono de prata polo seu libro Saber que se puede, Gran Cruz ao Mérito Humanitario, Premio Fundación Miguel Ángel Blanco á Convivencia 2008, Premio Coraxe Cívico polo Observatorio Internacional de vítimas do terrorismo e Antena de Ouro 2012 e en 2013 foi elixida unha das Top 100 Mulleres Líderes.
A súa traxectoria vital é un exemplo de como transformar a dor en forza e de como a adversidade pode ser o punto de partida para construír unha vida chea de sentido, esperanza e servizo aos demais.
Irene Villa confírmase como segunda dos comendadores da 58ª Feira do Cocido do vindeiro 8 de febreiro de 2026, tras Diego González Rivas, na súa dobre condición de pregoeiro e comendador.