José Crespo destaca que “contar con González Rivas como pregoeiro é unha honra para Lalín. Representa a excelencia médica no mundo, cunha traxectoria marcada pola vocación de servizo e un exemplo de como a ciencia pode transformar vidas e de como un profesional pode levar o nome de Galicia aos máis altos estándares da medicina global”A súa traxectoria, que suma intervencións e docencia en máis de cen países, consolidouno como referente mundial da cirurxía torácica minimamente invasiva, cunha pegada que vai da mellora clínica e formativa á equidade en saúde a través da súa Fundación coa que promove misións cirúrxicas en países con recursos limitados
O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, anunciou que o cirurxián torácico galego de proxección internacional Diego González Rivas será o encargado de pronunciar o pregón da 58ª edición da Feira do Cocido, que se celebrará o 8 de febreiro de 2026.
“Contar con Diego González Rivas como pregoeiro é unha honra para Lalín. Representa a excelencia médica galega no mundo, cunha traxectoria marcada pola innovación, a vocación de servizo e o compromiso social. É un exemplo de como a ciencia pode transformar vidas e de como un profesional pode levar o nome de Galicia aos máis altos estándares da medicina global”, destacou o rexedor.
Nado na Coruña en 1974, González Rivas é pioneiro da técnica Uniportal VATS, unha abordaxe minimamente invasiva que permite realizar intervencións pulmonares complexas a través dunha única incisión, reducindo a dor, o tempo de recuperación e os riscos para o paciente. Formouse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e especializouse en Cirurxía Torácica e Transplante Pulmonar no CHUAC. En 2010, publicou e divulgou os principios da técnica uniportal, coa que realizou as primeiras intervencións descritas con este innovador método.
Alén da práctica cirúrxica, impulsou a UCTMI (Unidade de Cirurxía Torácica Minimamente Invasiva), plataforma asistencial e docente desde a que estendeu a técnica a hospitais de referencia. O seu labor combina actividade asistencial en centros da Coruña como Quirónsalud A Coruña, San Rafael, Modelo e no CHUAC, coa dirección de programas formativos e intervencións en institucións internacionais, entre elas o Shanghai Pulmonary Hospital, un dos maiores centros do mundo en cirurxía torácica.
A súa proxección internacional fai que sexa convidado a operar en directo e a ensinar a técnica en congresos e cursos en numerosos países, reforzando a estandarización da VATS uniportal e a súa evolución robótica (URATS/Uniportal RATS). No ámbito divulgativo, é protagonista da docuserie da TVG, Curando o mundo, centrada nas súas misións médicas en distintos países, e ten participado noutros espazos da CSAG (Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia), achegando a cirurxía torácica minimamente invasiva ao gran público.
No eido académico, publicou numerosos capítulos e artigos técnicos que sistematizan a abordaxe uniportal, describindo as indicacións, o instrumental e os pasos cirúrxicos, así como a progresión deste método respecto de técnicas tradicionais. Estes materiais serviron de guía para a adopción global da técnica e actualízanse coas innovacións en instrumental articulado, selado vascular e visión endoscópica.
Compromiso humanitario
En paralelo, desenvolveu un marcado compromiso humanitario. A través da Fundación Diego González Rivas, promove misións cirúrxicas e un quirófano móbil para levar a cirurxía torácica avanzada a países con recursos limitados. En 2025, a Fundación completou con éxito unha intervención en Kono (Sierra Leona): seis cirurxías torácicas complexas realizadas na unidade móbil, nun operativo que implicou equipos de Galicia e doutros países, e mesmo soporte técnico galego para manter o camión-quirófano operativo tras unha travesía difícil por África occidental.
O seu labor recibiu recoñecementos institucionais; en febreiro de 2025 foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade Miguel Hernández de Elche, distinción que salientou a súa traxectoria cirúrxica, a innovación na abordaxe uniportal e a dimensión social do proxecto do quirófano móbil. Nos últimos anos tamén divulgou experiencias en zonas de conflito e cooperación sanitaria, salientando a idea de igualar oportunidades: que un paciente en África poida ter a mesma opción terapéutica ca en Europa.
Na actualidade, Diego González Rivas combina cirurxía, docencia e innovación con actividade asistencial na Coruña e programas internacionais en Asia, América e África. A súa traxectoria profesional, que suma intervencións e docencia en máis de cen países (ten operado en centros hospitalarios de prestixio en Europa, América, Asia e África), consolidouno como referente mundial da cirurxía torácica minimamente invasiva, cunha pegada que vai da mellora clínica e formativa á equidade en saúde a través da súa Fundación.