FRANCISCO CONDE E ACISCLO MANZANO, NOVOS COMENDADORES DA 57ª FEIRA DO COCIDO

A orquestra Los Satélites e as charangas Ardores e KM Cero actuarán o día da Feira do Cocido, o domingo 23 de febreiro, a partir das 18 h na Praza da Igrexa

O alcalde de Lalín, vén de anunciar dúas novas personalidades que se suman ao elenco de Comendadores do Cocido que se incorporarán este ano á Orde, co compromiso de difundir, protexer e apoiar a Feira do Cocido e ao prato do Cocido de Lalín: Francisco Conde López e Acisclo Manzano.

Estes dous novos Comendadores súmanse aos xa anunciados: Takahiro Nakamae -embaixador do Xapón en España e pregoeiro da 57ª Feira; Teresa Portela; o presidente da Deputación, Luis López Diéguez; a presidenta do RC Celta, Marián Mouriño; o presidente e vicepresidenta do grupo Prensa Ibérica, Javier Moll de Miguel e Arantza Sarasola Ormazabal; a tenente alcalde do Concello de Lalín, Paz Pérez Asorey e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.

Deste xeito, con Francisco Conde e Acisclo Manzano péchase a relación de persoeiros que este ano xurarán ou prometerán o seu cargo de Comendador o vindeiro domingo, 23 de febreiro, día da 57ª Feira do Cocido nunha data que cadra tamén con outra dobre celebración como é o nacemento de Rosalía de Castro e de Laxeiro.

Francisco Conde López, nado en Monforte de Lemos en 1968, é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola mesma universidade. Foi profesor de Economía Aplicada da Universidade CEU San Pablo entre 1995 e 2009 onde ocupou diferentes responsabilidades como as de secretario do Instituto Universitario de Estudos Europeos; vicedecano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; director de Relacións Internacionais e vicerreitor de Relacións Internacionais.

De abril de 2009 a decembro de 2012 exerceu como asesor do Gabinete do Presidente da Xunta de Galicia. En decembro de 2012 foi nomeado conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, responsabilidade que exerceu ata outubro de 2015 cando sumou máis responsabilidades como conselleiro de Economía, Emprego e Industria, cargo que desempeñou de outubro de 2015 a setembro de 2020, data na foi designado  vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta ata maio de 2022.

En maio de 2002 foi nomeado vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, responsabilidades que exerceu ata xuño de 2023.

De setembro de 2016 a agosto de 2023 tamén foi deputado do Parlamento de Galicia e actualmente, desde agosto de 2023, é deputado do Congreso dos Deputados e presidente da Comisión Mixta para a Unión Europea ao tempo que voceiro de Industria do grupo Parlamentario Popular.

Acisclo Manzano Freire naceu en Ourense, a carón das Burgas no 1940. Amosou un interese pola escultura desde unha idade moi temperá. Hoxe en día Acisclo é unha das figuras máis recoñecidas da escultura contemporánea en Galicia e España. Iniciou a súa formación na Escola de Formación Profesional e na Escola de Artes e Oficios de Ourense, continuando máis tarde a súa aprendizaxe en Santiago de Compostela con Jose Liste. Xa desde as súas primeiras obras por encarga, cristos e figuras en madeira, amosa unha clara tendencia á innovación formal.

Formou parte do grupo inicial de O Volter e tamén de de Sete artistas galegos e durante sesenta anos expuxo a súa obra en Galicia e en grandes cidades de Europa e América. Conta co título de Bacharelato de Honra do instituto Sánchez Cantón de Pontevedra. Recoñecido por críticos e historiadores, recibiu numerosos premios, como o Premio Nacional de Escultura en 1962 e en 1968.

A súa escultura móvese esteticamente dentro do universo figurativo, aínda que nalgúns momentos da súa carreira chegou a aproximarse ao territorio da abstracción. Académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes, é tamén Medalla de Ouro da Provincia de Ourense.

Cómpre destacar que Acisclo é tamén o autor do cartel desta 57ª Feira do Cocido. Recentemente cedeu ao Concello de Lalín a obra “Peregrina de Deza”, unha das pezas máis emblemáticas da súa exposición “Camiñantes pola Vía da Prata; trátase dunha escultura de grandes dimensións que se atopa exposta no vestíbulo de entrada do Concello. Ademais é autor da Venus de Deza que loce nunha das rotondas de entrada a Lalín.

Actuacións musicais na tarde da Feira do Cocido

Como é habitual, o programa de actos do día grande da Feira abrirase sobre ás 10.30 h na Casa Consistorial coa recepción pregoeiro, o Excmo. Sr. Embaixador Extraordinario e Plenipotenciario do Xapón en España, Takahiro Nakamae e autoridades, para dar paso seguido ao Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido no que xurarán ou prometerán o seu cargo as dez personalidades citadas anteriormente.

 

Posteriormente terá lugar a firma do pregoeiro no Libro de Honras e a impresión das mans no correspondente molde. Sobre ás 12 abrirase a Feira e visitarase a Carpa do Cocido no Campo da Feira para dar comezo ás 12.45 h. aprox. ao pregón da 57ª Feira do Cocido a cargo do embaixador do Xapón en España.

De seguido terá lugar o desfile do Cocido conformado por: Asociación Cultural Carballo da Manteiga; Cabezudos de Laxeiro; Carroza don Cocho; Banda de Gaitas Os Dezas de Moneixas; “Lalaína” a porca filla do “Queitano”; Carroza Cabaleiros de Lalín; Don Cocho; Comparsa Miúdos de Arcade; Comparsa Os da Caña de Marín; Carroza Cooperativa Gandeira de Botos; Comparsa Luces de Tomiño; Comparsa Os Remolóns de Vilagarcía; Carroza do Grupo de Baile A Carballeira de Cercio; Grupo de Gaitas e Danzas Santiago Apóstol de Pamplona; Comparsa Cor Café de Pontevedra e Xenerais da Ulla.

A charanga Verbeneros amenizará a festa pola mañá, con pase polas rúas desde as 10.30 h. Xa pola tarde, o edil de Festas, José Cuñarro, anuncia que se contará desde as 18 horas coa actuación da orquestra Los Satélites e das charangas Ardores e KM Cero, na Praza da Igrexa.