A reportaxe web “O Sabor da Afouteza” álzase co galardón ao mellor traballo académico dedicado á gastronomía polo seu gran labor xornalístico e calidade.
O xurado acordou tamén unha mención especial ao traballo realizado por TVG ao longo dos 40 anos en favor da gastronomía de Galicia.
Entregaranse ambos recoñecementos na Gala do Cocido que será retransmitida pola TVG desde o Lalín Arena o venres, 21 de febreiro.
O escritor e articulista Alfredo Conde alzouse, por unanimidade do xurado, co XXXI Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, promovido polo Concello de Lalín en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, coas asociacións gastronómicas galegas e coa Axencia Turismo de Galicia (Xunta de Galicia) e recoñecido como o premio periodístico gastronómico máis importante de España cunha dotación de 4.000 euros.
Alfredo Conde Cid foi elixido gañador do XXXI Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, por unanimidade do xurado, polo seu traballo xornalístico gastronómico “E se voara...” que destaca “pola calidade do artigo no que aúna un profundo coñecemento de Lalín e da cociña lalinense” deste escritor na súa condición de articulista, de acordo ás consideracións do xurado. Cómpre destacar que Alfredo Conde exercera como pregoeiro da Feira do Cocido en 1994.
“E se voara...” resultou seleccionado entre os 19 traballos que concorreron a esta candidatura en todas as categorías (libros, traballos, publicacións ou investigacións sobre gastronomía, traballos xornalísticos emitidos en radios e televisións, páxinas web con contidos dedicados á gastronomía ou traballos gráficos publicados en medios de comunicación).
Así o acordaron os integrantes do xurado na súa deliberación que tivo lugar hoxe na Casa do Concello de Lalín. Un xurado, presidido polo alcalde de Lalín, José Crespo, e que estivo integrado por destacados xornalistas como Martín Fernández Vizoso, Alberto Barciela Castro, Belén Xestal Ares, María José Imia Vázquez (en representación da Axencia Turismo de Galicia), así como a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Alba Silva Rodríguez, e no que tamén participou o concelleiro de Turismo do Concello, Avelino Souto Rozados e Manuel Vilariño Blanco como secretario do xurado.
O xurado tamén elixiu como gañador do traballo académico, dotado con 1.000 euros, o presentado por Olivia Castro Menéndez, Teo Martínez de Lorenzo, Alba García Villanueva, Nerea Rodríguez Vázquez e Ignacio Fernández Blanco, grupos de alumnos/as de 3º de Periodismo da USC, pola súa reportaxe web titulada “O Sabor da Afouteza” pola “súa gran calidade xornalística e pola súa calidade na elaboración dos argumentos, no tratamento gráfico e no desenvolvemento do mesmo”, en palabras do xurado.
Ademais o xurado acordou unha mención especial ao traballo realizado por TVG ao longo dos 40 anos en favor da gastronomía de Galicia.
Os premios entregaranse o venres 21 de febreiro na Gala do Cocido que será retransmitida pola TVG desde o Lalín Arena.