- Esta mostra, froito da colaboración entre o Concello de Lalín, ABANCA e Afundación, fai un percorrido pola diversidade creativa da arte contemporánea a través de vinte e oito gravados de vinte e un máis destacados artistas do panorama galego e español e mesmo internacional, todos pertencentes á Colección de Arte Afundación
- Pódese ver no Museo Municipal Ramón Mª Aller ata o próximo 14 de marzo
- Convídase a todas as persoas que a visiten a que doen alimentos non perecedoiros, xa que todo o recollido será destinado, en coordinación co Concello de Lalín, a entidades e colectivos lalinenses que recibirán todos os fondos que se recaden
A exposición «Arte en tinta», mostra central da 57ª Feira do Cocido, froito da colaboración entre Concello, ABANCA e Afundación, que recolle vinte oito gravados- pertencentes á Colección de Arte Afundación de vinte e un dos más destacados artistas do panorama galego, españois e mesmo internacionais, recibe as primeiras visitas colectivas. Así, na vindeira semana, o luns, 27 de xaneiro, achegarase a coñecer a mostra alumnado de 3º e 4º de ESO (23 rapaces) do Colexio Scientia Lalín ás 11.10 h e o martes 28 será alumnado de 1º e 2º da ESO (26 alumnos) quen a visite ás 13 horas. Tamén está prevista unha visita do colexio de Codeseda (A Estrada) cuxa data se concretará en vindeiros días.
Así mesmo están xa pechadas visitas a «Arte en tinta» de cincuenta e cinco persoas dunha asociación de Culleredo para o xoves 6 de febreiro e doutra de antigos empregados de Telefónica, tamén un grupo de cincuenta e cinco persoas, para o mércores, 19 de febreiro.
Cómpre lembrar que a exposición foi aperturada o pasado venres, 17 de xaneiro, pola tenente alcalde e concelleira de Cultura, Paz Pérez, así como por José Luis Romero Quiroga, coordinador institucional de ABANCA; César Carballo Suárez, director da Oficina ABANCA de Lalín e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación. Pode verse no Museo Municipal Ramón Mª Aller ata o 14 de marzo.
«Arte en tinta» é un percorrido por conceptos, temas, estilos e linguaxes, presentes na arte contemporánea da man dunha escolma de obras da Colección Afundación. O hiperrealismo de Eduardo Naranjo ou Quintana Martelo, o mundo onírico de Jorge Castillo, a delicadeza de Carmen Laffón, o equilibrio luminoso de Berta Cáccamo, a abstracción de Broto ou o volume de Chillida son só algúns dos aspectos que afloran nesta mostra.
A temática das diferentes obras flúe desde o concreto ao abstracto, dos obxectos á arquitectura, dos animais ás persoas. O real, o imaxinario e o abstracto conviven nos diferentes procesos e técnicas do gravado (augaforte, augatinta, xilografía, litografía, serigrafía...). Estas distintas temáticas, compartindo un mesmo espazo, permiten transmitir que a énfase da exposición reside na diversidade, nas posibilidades inherentes ás técnicas do gravado e, por suposto, na liberdade creativa da arte contemporánea.
Trátase dunha exposición dunha gran calidade na que se pode ver obra de creadores estreitamente vinculados a Lalín e ao Cocido como Manuel Quintana Martelo, cartelista da Feira en 2006 e autor da exposición central da LV Feira do Cocido (2023) ou Jorge Castillo, cartelista da Feira no ano 2009.
Aos nomes de Quintana Martelo e Castillo únense os de relevantes artistas galegos como Berta Cáccamo, Xaime Quessada, Antón Goyanes, Roberto González, Manuel Facal Ponte e Jesús Núñez Fernández e Ann Heyvaert, nacida en Menphis, nos Estados Unidos e desde hai anos profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Así mesmo conforman a mostra gravados de Chillida, Tapies, José Manuel Broto, Antonio Clavé, Carmen Laffón, Cristóbal Toral, Eduardo Arroyo, Eduardo Naranjo, José
Hernández, José María Sicilia, Vicente Arnás e José de Guimaraes, considerado como un dos principais artistas portugueses da arte contemporánea.
A Colección de Arte Afundación cumpre unha década desde que a colección foi declarada Ben de Interese Cultural de Galicia e esta mostra en Lalín forma parte do esforzo de divulgación que fai Afundación, e que está liderado nestes momentos co proxecto “Simultánea” que amosa 350 obras da Colección de Arte Afundación nas sete sedes da entidade por toda Galicia.
É de destacar que se convida a todas as persoas que visiten a exposición a que doen alimentos non perecedoiros, xa que todo o recollido será destinado, en coordinación co Concello de Lalín, a entidades e colectivos lalinenses que recibirán todos os fondos que se recaden. Unha iniciativa que se enmarca no programa “Cultura por Alimentos” de Afundación.
RELACIÓN DE ARTISTAS:
-
Ann Heyvaert
-
Antón Goyanes
-
Antoni Clavé
-
Berta Cáccamo
-
Carmen Laffón
-
Chillida
-
Cristobal Toral
-
Eduardo Arroyo
-
Eduardo Naranjo
-
Jesús Núñez
-
Jorge Castillo
-
José de Guimaraes
-
José Hernández
-
Jose Manuel Broto
-
Jose María Sicilia
-
Manuel Facal
-
Quintana Martelo
-
Roberto González
-
Tapies
-
Vicente Arnás
-
Xaime Quessada