A exposición colectiva que une arte contemporánea e Feira do Cocido inaugurarase o 14 de febreiro, sábado de Entroido, data na que se celebrará o tradicional cocido de confraternización entre os artistas que desexen asistir, previo pago por comensal de 35 euros
A Emporcarte poderá verse ata o 18 de abril, polo que convivirá con “Antón Sobral: o silencio da mar”, exposición central da 58ª Feira do Cocido, que se inaugura o 16 de xaneiro e que estará aberta ata o 28 de marzo
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, avanza que, no marco da celebración da 58ª Feira do Cocido, desenvolverase unha nova edición da exposición colectiva EmporcARTE, entre o 14 de febreiro e o 18 de abril, no Museo Municipal Ramón Mª Aller, convivindo tamén coa exposición central do Cocido, “Antón Sobral: o silencio da mar”, do recoñecido artista multidisciplinar Antón Sobral, que se inaugura o 16 de xaneiro ás 20 h e que se poderá ver ata o 28 de marzo, e que conta con Antón Castro como comisario.
Blanco remarca que para o desenvolvemento da décimo cuarta edición da EmporcARTE, mostra que une arte contemporánea e Feira do Cocido, se veñen de aprobar recentemente as bases deste certame. A convocatoria está aberta a artistas, tanto profesionais como emerxentes, de forma individual ou colectiva, e busca dar visibilidade á creación plástica arredor dunha das citas máis emblemáticas das nosas artes.
De acordo ás bases aprobadas en xunta de goberno local, cada participante maior de 18 anos poderá presentar un máximo de dúas obras, en disciplinas como pintura, escultura, fotografía artística, instalación, arte dixital, ilustración, arte téxtil ou técnicas mixtas.
A temática deberá ter algunha relación coa Feira do Cocido, entendida dun xeito amplo e creativo. Sen límite de procedencia, aínda que se valorará a vinculación con Lalín e a contorna de Deza. As propostas, que deberán ser orixinais, inéditas ou con exhibición previa non problemática para a súa participación, deberán enviarse desde o 10 de xaneiro ata o 10 de febreiro de 2026 ao correo do Museo Municipal de Lalín, museo@lalin.gal . As obras seleccionadas exporanse na EmporcARTE-Lalín 2026 que se inaugurará o 14 de febreiro.
O día do acto inaugural, sábado de Entroido, celebrarase, como vén sendo habitual un xantar de confraternización entre os/as artistas que o desexen no que se degustará un Cocido de Lalín. Os/as artistas participantes deberán indicar se están interesado en acudir ao cocido, que terá un prezo por comensal de 35 euros.
Cómpre indicar que a participación na EmporcARTE non é remunerada, pero inclúe certificado, difusión nas canles municipais e presenza no catálogo dixital da exposición. As bases completas da convocatoria estarán dispoñibles na web do Concello de Lalín.