Así se acordou en la reunión celebrada no local social de Botos na que tomaron parte os pedáneos e os veciños das parroquias que inclúe a área parroquial organizadora
Este evento tradicional ligado á Feira do Cocido celébrase o domingo 25 de xaneiro na casona de Mouriscade a partir das 10.30 h da mañá, promovido pola área Vía da Prata, e en sucesivos anos realizarase de xeito rotatorio entre as oito áreas parroquiais existentes
Os grupos de traballos serán: un encargado da coordinación das tarefas da Matanza; outro da realización das sobremesas tradicionais; outro da realización dos traballos de acondicionamento dentro da casona; outro para coordinación dos traballos artesanais e outro ocuparase da repartición dos produtos típicos da Matanza e os postres entre o público asistente
Haberá unha mostra etnográfica e tratarase de elaborar pan no forno tradicional situado nunha dependencia anexa á casona, entre outros atractivos que se están ultimando
A XXVI Matanza Tradicional do Porco, que se celebrará o domingo 25 de xaneiro, na casona de Mouriscade, será a primeira da historia organizada por unha área parroquial: a da Vía da Prata. Polo tanto, a organización correrá a cargo das catro parroquias (Botos, Donsión, A Xesta e Vilanova) que a conforman, se ben baixo a denominación única de Vía da Prata.
Neste sentido o edil de Festas e de zona, José Cuñarro, salienta que “queremos priorizar e visualizar mediante a celebración da Matanza as áreas parroquiais” e remarca que “aínda que os pedáneos das catro anteditas parroquias (Luis Rodríguez Rozas, de Botos; Antonio Pereiro Estévez, de Donsión; Gumersindo Ferradás López da Xesta e Manuel García Gómez de Vilanova) fixeron xa unha xuntanza previa por cada parroquia, onte venres, 2 de xaneiro, á noitiña tivo lugar unha reunión xeral de coordinación da Matanza no local social de Botos na que participaron os catro pedáneos e os veciños da área parroquial da Vía da Prata que queren participar na organización deste evento tradicional”.
Cuñarro explica que no dito encontro “estableceuse a distribución de tarefas de cara á celebración da Matanza, establecéndose diversos grupos de traballo: un que se encargará da coordinación do conxunto das distintas tarefas que abrangue a Matanza (desde a mata ata a elaboración dos chourizos); outro ocuparase da realización das sobremesas tradicionais; outro para a realización de traballos de acondicionamento dentro da casona; outro para coordinar os traballos artesanais (haberá presenza de ferreiros, costureiras, cesteiros, afiadores, etc.) e por último outro grupo encargarase da repartición dos produtos típicos da Matanza e das sobremesas tradicionais entre o público asistente.
José Cuñarro indica que “máis dun cento de persoas colaborarán na preparación da Matanza Tradicional do Porco, que será coordinada en todo momento polos pedáneos, que serán os que dirixirán os grupos de traballo que vimos de citar anteriormente”.
Na recreación do evento tradicional tamén se contará cunha mostra etnográfica; e prevese poñer en funcionamento o forno situado nun alpendre ao lado da casona para elaborar pan, entre outros atractivos que se están ultimando.
Sorteo para a celebración por áreas
Cómpre recordar que a realización da Matanza Tradicional do Porco por áreas parroquiais se acordou na reunión mantida o pasado 10 de decembro entre o goberno e os pedáneos para descentralizar as actividades cara ao rural e propiciar o achegamento de servizos ás parroquias. Nese encontro realizouse o sorteo por áreas da Matanza que quedou do seguinte xeito: Vía da Prata organizaraa en 2026; Val do Arnego 2027; Val do Deza 2028; Entre Ríos 2029; A Balouta 2030; Alto de Vales 2031; Val do Boi 2032 e Carrio Sur 2033.
Elección unánime do lugar
Tamén hai que lembrar que a elección do lugar de celebración desta XXVI Matanza, a casona de Mouriscade, se decidiu por unanimidade nun encontro mantido o pasado 13 de decembro entre os pedáneos da Vía da Prata e o concelleiro de Festas e de zona, José Cuñarro, por considerarse un espazo idóneo para o desenvolvemento deste evento tradicional.
Cociña económica e lareira no mesmo habitáculo
A casona trátase dun exemplo destacado de arquitectura señorial rural no municipio de Lalín, composta de cantería de granito e que ten elementos funcionais como balconadas, escaleiras exteriores e dependencias anexas para usos agrícolas: hórreo, capela, forno e unha cociña tradicional de aldea con cociña económica e lareira no mesmo habitáculo, situadas no primeiro andar da casa. O feito de dispoñer de cociña económica e lareira no mesmo espazo supoñía unha comodidade notoria para as casas de labranza e os seus moradores, posto que dispoñían da comida diaria na cociña económica e de todos os produtos da matanza na lareira durante os meses de decembro, xaneiro, febreiro e marzo, ata que despois pasaban tamén a lacena.
Esta casona é unha mostra dunha casa fidalga, ligada a unha explotación agrícola que, como outras grandes casas da época, cumpría unha dobre función: residencial como vivenda principal de familia propietaria e produtiva como centro de xestión de terras e bens. Actualmente este inmoble é de titularidade municipal, xunto a outros en desuso vinculados á finca de Mouriscade, desde que en agosto de 2024 a Deputación llos cedeu ao Concello, un trámite que se asinou ante notario.
Como nota destacada, cómpre indicar que este ano se cumpren dúas décadas de que se fixera a Matanza nese mesmo lugar, organizada polas parroquias de Doade e Vilanova (ano 2006).
Cuñarro remarca que “queremos convidar a todas as áreas parroquiais e ao casco urbano a que o vindeiro 25 de xaneiro se acheguen ata Mouriscade para colaborar e axudar nunha das tarefas máis importantes e enxebres de todas as casas porque tradicionalmente era asegurar a comida para todo un ano”. Unha celebración que dará comezo a partir das 10.30 horas ata ben entrada a tarde.