Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, ofrecerán un concerto o día da Feira do Cocido (24 de febreiro) ás 20.00 horas, na Praza da Igrexa. O alcalde, Rafael Cuíña, xunto co concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño e o propio artista realizaron onte a presentación oficial deste evento.

O concelleiro destacou que ao igual que na pasada edición da Feira, na que actuara Treixadura, a idea deste concerto busca ofrecer unha alternativa para que a xente que acode ao Cocido quede en Lalín pola tarde enchendo a vila de actividade todo o día. “A aposta” -indicou- “é novamente potente de de moita calidade, dun artista que simboliza a cultura e a nosa lingua, sendo un primeiro espada da nosa música popular, polo que estamos convencidos de que vai ser un exitazo e un reclamo moi importante nesta 51ª edición da Feira do Cocido”.

O alcalde sinalou que é “un admirador persoal de Xabier Díaz e da súa obra e traxectoria”, afirmando que “se trata dun artista moi acaido para a Feira do Cocido”. Por este motivo convidou aos miles de visitantes do Cocido a acudir ao concerto, do que dixo “estamos seguros de que vai ser un éxito ao tratarse dunha proposta do máximo nivel”.

Xabier Díaz mostrouse moi satisfeito polo convite do Concello de Lalín, e dixo “sentir unha gran felicidade por poder vir a esta vila -unha referencia cultural- a facer música”. Díaz afirmou que Lalín ten “un dos epicentros mundiais do folclore, que é Zobra, onde estiven hai 20 anos, polo que o día do Cocido faremos un pequeno trazo e cantaremos algunha cousa de aló” -afirmou-. Sobre o concerto tamén anunciou que “será unha síntese dos dous discos que gravei coas Adufeiras do Salitre”.