O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo, unha vez finalizado o Mes do cocido e encarando xa o final do inverno, realizou por primeira vez unha enquisa entre os restaurantes locais que ofrecen cocido para coñecer de primeira man a súa satisfacción, así como o rendemento e outras cuestións xerais relativas á tempada de maior consumo deste prato, que aínda que se comeza a servir coa chegada dos primeiros fríos e se mantén ata ben entrada a primavera, concentra a época forte no primeiro trimestre do ano. Unha vez analizadas detalladamente as respostas de cada establecemento, as conclusións son claras. Tal e como afirma o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño: “Estamos a falar da mellor tempada de cocido da historia en canto a número de pratos servidos e a cantidade de comensais recibidos”. “E isto” -prosegue- “non o afirmo eu, senón que son datos obxectivos e contrastables, aportados polos diferentes restauradores, que nos fan estar moi satisfeitos e orgullosos”.

As enquisas foron realizadas entre os 25 establecementos que participaron no XX Mes do Cocido, que finalizou o pasado 14 de febreiro. Nas preguntas realizadas, ademais de solicitarse unha valoración xeral do ano, tamén se lles preguntou pola época na que empezaron a servir os primeiros cocidos, así como sobre as encargas que manteñen para os vindeiros meses. No relativo á primeira cuestión, os datos son absolutamente positivos e incontestables, pois agás 3 establecementos, todos afirmaron que a presente tempada de Cocido foi “moi boa” en comparación con algunhas anteriores ou incluso van máis aló e manifestan que foi “a mellor que se lembra”. Os restaurantes estiveron a rebosar e xa foron milleiros os comensais que degustaron o prato rei da gastronomía galega nalgún dos establecementos da localidade que aínda seguen enchendo mesas, pois a maioría tamén asegura “ter encargas ata finais de marzo e incluso para abril e maio”. Ata 7 dos locais consultados polo Concello confirmaron ter fixadas varias encargas para o día do Orgullo de Lalín, que se celebra a primeira fin de semana de maio.

En relación á época na que se empeza a servir o prato, a maioría de restaurantes dixeron facelo con maior regularidade dende o mes de novembro, aínda que varios dos locais de referencia de capital do municipio aseguraron comezar a ofrecer cocidos en gran cantidade xa “a partir das festas patronais de setembro e ata que a xente o pida”, de modo que se comproba que o cocido se consume de xeito abundante nos establecementos locais durante a maior parte do ano. Tamén son significativas algunhas informacións aportadas por restauradores, como é o caso dun dos restaurantes con maior aforo do municipio, que dixo ter percibido un cambio de perfil no comensal do cocido e que máis aló dos grupos de adultos “que veñen todos os anos”, este ano se recibiron moitas “pandillas” de mozos e mozas.

Francisco Vilariño non esconde a súa satisfacción ante unhas valoracións tan positivas. “Os datos son magníficos, pois a inmensa maioría dos restaurantes afirmaron que foi o mellor ano en canto a número de clientes”. “Isto” -indica- “reflicte que o cocido de Lalín está nun estado de saúde inmellorable e que o seu crecemento parece non ter teito, mais dende o Goberno municipal non nos imos conformar e imos seguir traballando para facer que en cada edición o beneficio que lle carrexa o cocido ao noso municipio sexa maior”. O concelleiro aproveitou para darlle os parabéns aos establecementos ante este éxito rotundo “pois o excelente rendemento desta tempada débese en gran medida ao magnífico traballo deste sector, pero non me cansarei de dicir que o éxito final é colectivo e reside en todo o pobo polos beneficios que o cocido aporta cada ano ao noso concello, tanto a nivel económico como social e cultural”. “Dende o punto de vista turístico” -sinala- “o cocido é un motor, posto que a xente que nos visita para degustalo crea sinerxías con outros sectores, pois merca no comercio e fai uso de diferentes servizos, enriquecendo en conxunto o noso municipio”.

Nesta liña, o edil tamén atribuíu o éxito aos esforzos que vén realizando o Goberno por seguir impulsando o cocido como un dos principais reclamos do noso municipio para atraer visitantes e para xerar riqueza. “Dende o Concello de Lalín destinamos cada ano ao cocido unha gran cantidade de recursos, tanto humanos como económicos, para difundilo e promocionalo a través de diferentes iniciativas, pois somos conscientes do seu enorme potencial”. “Porén” -conclúe- “estamos moi satisfeitos de que o traballo dende o Goberno, xunto co aposta dos establecementos lalinenses para elevar o Cocido de Lalín ás súa máximas cotas de calidade e prestixio, dea como resultado que cada ano sexan máis os visitantes que se achegan ao noso municipio para degustar este prato, impulsando a economía e a sociedade lalinense”.