Os 27 restaurantes colaboradores no XIX Mes do Cocido de Lalín -que se celebra do 15 de xaneiro ao 14 de febreiro- xa contan coas enquisas do Compromiso de Calidade. Así o vén de anunciar o concelleiro de Turismo Francisco Vilariño, que indicou que o material -enquisas e urnas para depositar os documentos- foi distribuído polos establecementos esta mesma mañá.

O selo do Compromiso de Calidade do Cocido de Lalín ten como obxectivo avanzar, baixo a implicación dos propios hostaleiros, cara a consecución dun prato elaborado cos mellores produtos, ao tempo que se garante a mellor atención e servizo en cada local. Os acordos do compromiso, ao igual que as preguntas das enquisas, foron aprobados polos mesmos restauradores e recollen, entre outras cuestións, o aval de que o establecemento deberá estar nas mellores condicións e que se dará a posibilidade de efectuar reservas. Así mesmo, establecen a garantía de que o cocido estará feito seguindo a receita oficial, ou que as sobremesas serán as tradicionais galegas.

Entre as cuestións que se plantexan e que serán cubertas de xeito anónimo polos comensais que neste mes degusten un cocido en Lalín, atópanse a forma na que se coñeceu este prato, o lugar de procedencia do cliente, ou se recomendaría a experiencia de comer un cocido a outra persoa. Tamén se solicita que se valore a calidade da materia prima, a presentación, o servizo prestado ou o prezo.

Unha vez remate o Mes do Cocido, as enquisas serán recollidas e procesadas, outorgándoselle un distintivo aos establecementos participantes que cumpran as condicións mínimas. Francisco Vilariño destacou a “utilidade desta ferramenta que o Concello de Lalín pon a disposición dos restauradores e que garante que se preserven e os valores e a calidade do Cocido de Lalín”.

Durante o Mes do Cocido, case unha trintena de restaurantes incorporan diariamente na súa carta o noso prato máis tradicional, a un prezo razoable, co obxectivo de conseguir a súa maior difusión entre todos os que nos visiten e os que se animen a degustalo. Trátase dunha iniciativa municipal que ten como principal finalidade potenciar o sector da hostalaría e a restauración local mediante unha campaña específica, que se desenvolve desde o 15 de xaneiro ata o 14 de febreiro facendo bo o lema “De San Amaroa San Valentín, Mes do Cocido en Lalín”.