Os restaurantes lalinenses que participaron no XX Mes do Cocido recibiron no Concello os informes cos resultados personalizados extraídos das enquisas do Compromiso de Calidade do Cocido de Lalín, que cubriron de modo voluntario centos de comensais que de San Amaro a San Valentín participaron nesta iniciativa. A conclusión xeral que se arranca tras a realización dunha detallada análise dos cuestionarios -que foi posible grazas á ferramenta informática creada polo departamento de Novas Tecnoloxías- é que a calidade e a excelencia do Cocido de Lalín están plenamente consolidadas, como se desprende da moi alta satisfacción dos clientes que se achegaron a degustar o prato rei da gastronomía galega ao noso concello e que, aínda que lixeiramente, supera incluso a rexistrada na pasada edición.

No acto estiveron presentes o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e o edil de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño. En total depositaron as enquisas nas urnas dos 25 restaurantes participantes no Mes do Cocido 2.322 comensais. Destes, 2.252 (97%) recomendaríalle a outra persoa vivir a experiencia de comer un cocido en Lalín. O 90% cualifica o servizo prestado nos establecementos como moi bo, a mesma valoración que realizan maioritariamente da calidade da materia prima (85%), da presentación (81%) e das instalacións (76%). Por outra banda o boca a boca segue sendo, un ano máis, a principal forma exposta polos comensais para coñecer o cocido de Lalín, posto que 1.732 clientes din ter coñecido este prato a partir de amigos ou familia, unha cifra moi por enriba dos que o fixeron a través da prensa e televisión (112) ou de internet e redes sociais (74). Alén destas maneiras, un total de 350 persoas dixeron ter coñecido o cocido por outros medios non especificados.

A procedencia das persoas que se achegan a Lalín a degustar un cocido é unha das cuestións máis significativas das recollidas nas enquisas e permite extraer varias conclusións destacables. Así, pódese comprobar que o 37% -dato practicamente idéntico ao do ano pasado- proveñen de fóra da provincia. Trátase dunha cifra moi relevante, que evidencia o éxito das campañas de difusión da Feira do Cocido e que demostra que este prato, como ningún outro, é capaz de mobilizar a centos de persoas que non dubidan en percorrer quilómetros para vivir a experiencia de degustar un xenuíno cocido na nosa vila. Pero ademais, o 24% chegan dende outras zonas de Pontevedra e o 6% fano dende fóra de Galicia, mentres que segundo as enquisas, o 32% dos clientes do XX Mes do Cocido proceden da propia comarca do Deza.

O prezo do prato é outro dos factores que de maneira maioritaria se valora positivamente pola clientela, considerándoo moi bo 1.682 persoas (72%) e bo 455 (20%). Unicamente o 1% valorou o prezo como “malo”.

O selo do Compromiso de Calidade do Cocido de Lalín entregouse aos restaurantes que superaron os requisitos, que foron practicamente a totalidade, agás 4 establecementos que non reuniron a cantidade mínima de enquisas. Esta distinción ten como obxectivo avanzar, baixo a implicación dos propios hostaleiros cara a consecución dun prato elaborado cos mellores produtos, ao tempo que se garante a mellor atención e servizo en cada local. Os acordos do compromiso, así como as preguntas plantexadas nas enquisas foron aprobadas polos mesmos restauradores e recollen, entre outras cuestións, o aval de que o establecemento está nas mellores condicións e que se dá a posibilidade de efectuar reservas. Así mesmo, establecen a garantía de que o cocido estará feito seguindo a receita oficial, ou que as sobremesas serán as tradicionais galegas.

En palabras do responsable de Turismo, Francisco Vilariño, que entregou persoalmente os informes aos restauradores, “os resultados que nos deixa o XX Mes do Cocido son magníficos, mellores incluso que os da pasada edición, tanto en número de cocidos servidos como en satisfacción da clientela”. “O cocido de Lalín está nun estado de saúde inmellorable e o seu crecemento parece non ter teito en vista dos datos, que en cada edición son mellores” -afirma o concelleiro-. Francisco Vilariño non quixo restarlle aos restauradores o protagonismo que merecen ante este éxito e fixo fincapé novamente en que “o excelente rendemento do XX Mes do Cocido se debe en gran medida ao magnífico traballo deste sector”. Non obstante, apuntou que “o éxito final é colectivo é reside en todo o pobo polos beneficios que o cocido aporta cada ano ao noso municipio, tanto a nivel económico como social e cultural”.

Nesta mesma liña engade que “a inigualable calidade dos produtos que se ofrecen nos nosos restaurantes senta as bases para garantir este éxito”, indicando, a modo de reflexión persoal, que “este é un dos nosos principais factores diferenciadores, con respecto a outros municipios”. Francisco Vilariño subliña que “os datos tamén avalan a incuestionable mellora que se produciu nos últimos anos, consolidando a excelencia dun prato que cada día se coida máis, como se reflicte en que practicamente non se poñen reparos sobre o servizo ou sobre a calidade do prato, mentres que vir a Lalín comer un cocido se consolida como unha actividade que cada vez realizan máis persoas”. “En definitiva” -afirmou- “os extraordinarios resultados do Mes do Cocido avalan, unha vez máis, que o esforzo dos nosos restauradores e, en xeral de todo o pobo de Lalín por ofrecer o mellor servizo e os mellores produtos ten a súa recompensa, xa que cada vez son máis os que nos visitan para degustar o mellor Cocido e a satisfacción coa que marchan é maior”. O concelleiro tamén puxo de relevo, “a enorme utilidade” da ferramenta informática deseñada polo Concello para a análise dos datos das enquisas e que se utiliza por terceiro ano consecutivo e agradeceulle a Tomás Vilariño o seu enorme traballo para poñer en marcha esta aplicación.

O acto de entrega tamén serviu para tomar o contacto entre os representantes do Goberno e os restauradores de cara a realización dunha nova enquisa que neste caso se realizará entre os establecementos e que servirá para coñecer diferentes cuestións xerais relativas a toda a época do cocido. Os resultados da mesma serán presentados a próxima semana.

Ademais, realizouse o sorteo de premios entre os participantes nas enquisas do Mes do Cocido. Os agasallos consistiron:

  1. Noite en AD para 2 persoas no Hotel Restaurante Villanueva máis 1 menú degustación para 2 persoas no Restaurante La Molinera. (Carlota Otero Romaní, resto de Galicia).

  2. Noite en AD para 2 persoas no Hotel Pontiñas + Visita ao Museo Etnográfico Casa do Patrón máis 1 degustación de comida tradicional para 2 persoas en Casa do Patrón Restaurante. (Mercedes Méijome Fernández, Deza).

  3. Cocido de Lalín para 4 persoas en Casa Currás. (Irene Buján Doporto, Deza).

  4. Cocido de Lalín para 4 persoas no Restaurante Cabanas. (Aurelio Fernández, Deza)

  5. Cocido de Lalín para 4 persoas en Bar O Polo. (Ana Rodríguez Lamas, resto de Galicia)

  6. Cocido de Lalín para 4 persoas en Restauranto 4 Camiños. (J. Manuel Fernández Filgueiras, resto de Galicia).

Os restaurantes que conseguiron o selo do Compromiso de Calidade do XX Mes do Cocido de Lalín foron:

Bar o Polo, Restaurante Suso, Casa Currás, Casa do Patrón Restaurante, Casa Sanmartín, Hotal As Vilas, Hotel Parrillada Villanueva, Hotel Restaurante Pontiñas, Parrillada Taboada, Pazo de Bendoiro, Pensión Las Palmereas, Restaurante Asador O Toxo, Restaurante Cabanas, Casa Pablo, Restaurante Catro Camiños, Restaurante El Rincón de la Mariposa, Restaurante Kilómetro 0, Restaurante La Estación, Restaurante La Molinera, Restaurante Onde Antonio, Restaurante Parrillada La Robleda.