A 51ª Feira do Cocido que se celebrará en Lalín o domingo, día 24 de febreiro de 2019, terá como pregoeiro a Xabier Fortes, xornalista, presentador e un dos máis destacados comunicadores da actualidade. Así o vén de anunciar o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, quen explicou que Fortes aceptou a proposta “sen dubidalo nin un segundo e se sentiu encantado de poder prestarlle a súa voz a unha das festas gastronómicas con máis historia e de maior importancia dentro de Galicia e do resto do Estado”. Deste xeito, o presentador Pontevedrés, que actualmente dirixe o matinal “Los desayunos de TVE”, pasará a engrosar a nómina das grandes figuras do xornalismo e a comunicación que desenvolveron o papel de pregoeiro nun evento que sobrepasa o puramente gastronómico e se converteu en todo un referente social, etnográfico, cultural e artístico.

Cuíña agradeceu a Xabier Fortes -con quen mantén unha boa relación de amizade- a súa inmellorable disposición a exercer como pregoeiro da Feira do Cocido, unha proposta que lle realizou de maneira persoal. Para o rexedor supón “unha verdadeira honra e un orgullo que unha das grandes voces do xornalismo español e unha das referencias no ámbito da información, a análise e a opinión política e de actualidade, accedese a pregoar a Feira do Cocido”. Nesta liña, destaca que “ademais de ser un pregoeiro de enorme nivel, que coñece moi ben Lalín, a presenza de Fortes -un profesional de recoñecido prestixio moi coñecido e querido en Galicia, que entre moitas outras cousas destaca polo seu compromiso coa pluralidade informativa e a loita contra a manipulación, contribuirá a darlle proxección e prestixio á 51ª Feira do Cocido de Lalín”.

Biografía

Xabier Fortes naceu en 1966 en Pontevedra. A súa infancia, como ten recoñecido publicamente, estivo en boa medida marcada polo arresto e condena por parte das autoridades do réxime franquista do seu pai, o militar Xosé Fortes, quen formaba parte da Unidade Militar Democrática (UMD), unha facción que promovía ideas democráticas dentro do exército español durante ditadura. Viaxou a Madrid para licenciarse en Ciencias da Información na Universidade Complutense. En 1988 -de volta en Galicia- realizou os seus primeiros traballos periodísticos en Radio Nacional de España, en Vigo. No 1990 incorporouse a Televisión Española en Galicia, primeiro na delegación de Pontevedra e dende 1998 en Santiago de Compostela, onde se iniciou como editor e presentador de informativos territoriais. Ao longo da súa traxectoria nesta canle e durante esta etapa presentou e dirixiu diferentes espazos televisivos de debate político, entrevistas e programas especiais de actualidade política e electoral. En 2007 foi nomeado director do Centro Territorial de Televisión Española en Galicia.

En 2011 Fortes é designado director e presentador do programa “La noche en 24 horas”, cargo ao que renunciou en 2012. En xaneiro de 2013 pasa a formar parte do Consello de Informativos de TVE e continua coa súa carreira na información televisiva, recibindo en 2017 o Premio Ondas ao mellor presentador. Dende setembro de 2018 dirixe e presenta “Los desayunos de TVE”. Ademais, foi o director de ata 12 documentais de temática variada, algúns de carácter deportivo e outros de vertente social e divulgativa.