José Antonio Rivera Casal, do Restaurante Hotel Chef Rivera (Padrón, A Coruña); Aurelia Blanco Vázquez, do Mesón de Crecente (Crecente, Lugo); Miguel Alberto Prada Vázquez, do Restaurante O Portón (Ourense); e Nila Inés Portas Vázquez, do Restaurante La Molinera (Lalín) foron recoñecidos polo xurado dos XXV Premios da Gastronomía de Galicia reunido esta mañá no concello de Lalín na modalidade “Toda unha vida dedicada á Gastronomía Galega” que se outorga ás persoas cunha dedicación especialmente destacada na Cociña en cada unha das catro provincias galegas.

Por outra banda, a empresa Kalekoi SL (Lalín) foi distinguida polo seu papel sobresaínte na potenciación da cociña ou dos produtos galegos dentro de Galicia. Mentres, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida “Pemento de Herbón” recibiu o recoñecemento pola potenciación da cociña ou dos produtos galegos fóra de Galicia.

Tamén foi premiada a entidade Terriña SL, de Juan Luís Méndez Rojo, dentro da modalidade de “empresa ou entidade que máis contribuíu á promoción da gastronomía e dos produtos gastronómicos galegos”. Finalmente, David Sueiro Quinteiro, de Galo Celta SL, levou o premio ao pequeno produtor galego.

O tribunal estivo formado polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña como presidente, polo secretario xeral do Concello de Lalín e por representantes da Asociación de Amigos da Cociña Galega, do Club Gastronómico Rías Altas, da Asociación Gastronómica Xantares, por representantes de Eurotoques en Galicia e por representantes da Asociación Nove Grupo Gastronómico.