O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, anunciaron hoxe que o Cocido Solidario 2016, que se organiza con motivo da celebración o 19 de febreiro da XLIX Feira do Cocido, irá en beneficio da Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental, Morea. Con este evento, que substitúe a anterior comida oficial, o Concello de Lalín pretende aproveitar o festexo gastronómico para recadar fondos con fins solidarios aos efectos de destinalos a distintas asociacións sen ánimo de lucro do municipio e así colaborar no cumprimento de accións sociais, unha das prioridades do Goberno local.

Na primeira edición desta iniciativa os fondos doados solidariamente polos cidadáns foron destinados ao colectivo Aranes, pasando a ser, nesta ocasión, Morea a entidade beneficiada. Esta asociación, orixinaria de Ourense e instalada en Lalín dende o ano 2005, ten entre os seus obxectivos a rehabilitación psicosocial e laboral das persoas con algún tipo de enfermidade mental, así como ofrecer apoio, asesoramento e información a familiares, posto que as familias xogan un papel fundamental como soporte da enfermidade mental, asumindo no 90% dos casos a maior parte dos coidados. A agrupación tamén persegue sensibilizar a sociedade en xeral, xa que o estigma asociado ás enfermidades mentais e os prexuizos e os falsos mitos sobre estas doenzas aínda perduran na sociedade actual.

A asistencia ao Cocido Solidario 2017, que se celebrará no Hotel Spa Norat Torre do Deza, estará aberta ao público en xeral. A participación na comida realizarase previa adquisición da correspondente entrada. Os vales poñeranse á venda durante a próxima semana por un prezo de 37 euros. Desta cantidade, 32 euros irán destinados ao pago do prato e 5 a modo de donativo solidario en favor de Morea. Os pases poderán adquirirse, ao igual que na pasada edición, directamente nas dependencias do Concello de Lalín, así como nas do Hotel Torre do Deza e na sede da Asociación de Empresarios do Deza (AED). Así mesmo, poderanse comprar mediante o ingreso directo dos 37 euros nas contas bancarias de La Caixa, con números 2100 1838 59 0200129646, ES3521001838590200129646 e ES35 2100 1838 5902 0012 964. Tamén se habilitará unha “fila cero” para que todas as persoas que desexen realizar un donativo sen asistir ao banquete poidan facelo. Para isto farase público proximamente outro número de conta. A cesión do importe recadado realizarase nun acto público ao que asistirán os representantes do Concello e da entidade beneficiada.