O Cocido en Ruta segue percorrendo o Camiño de Inverno. Nesta ocasión fixo parada no Barco de Valdeorras, máis concretamente na rúa da Academia Dequidt, onde promocionou a Feira do Cocido grazas aos patrocinadores GADIS, ABANCA e COREN. O alcalde de Lalín achegouse pouco antes do mediodía ao bus de tipo clásico, onde foi recibido polo rexedor de O Barco, Alfredo L. García Rodríguez. Os dous presentaron detalladamente a programación da Feira do Cocido, que celebra o seu día grande o próximo 4 de febreiro e degustaron as tapas baseadas no Cocido elaboradas nesta ocasión polo cociñeiro Alejandro Iglesias, do Restaurante Cabanas.

Cuíña agradeceu a gran collida e a receptividade brindada pola localidade de O Barco e convidou a todos os seus residentes a achegarse a Lalín a celebrar o día 4 os 50 anos da Feira do Cocido. Alfredo L. García indicou que a Feira do Cocido é a festa gastronómica máis importante de Galicia e falou da necesidade de traballar xuntos e crear sinerxías coa Festa do Botelo do Barco, unha celebración que se mira no espello dos 50 anos de Cocido para seguir crecendo.

O Bus do Cocido estivo estacionado durante todo o día nesa zona, converténdose nunha completa oficina turística móbil que, grazas á súa versatilidade e características facilitou o desenvolvemento dunha intensa campaña de promoción de toda a oferta turística de Lalín, pasando pola gastronómica, a comercial, a hostaleira, a cultural, a paisaxística e natural ou a patrimonial e histórica, entre outras. Nesta ocasión, farase especial incidencia na difusión do Camiño de Inverno, que é un dos dous que pasa por Lalín. O Bus do Cocido constitúe xa unha marca de identidade de Lalín e a súa Feira. Trátase dun o autobús tipo inglés ou clásico de dous pisos, con cociña incorporada e espazo para a realización de difusión turística, presentacións, actos e degustacións. Grazas á mobilidade, versatilidade e dimensións que posúe este vehículo, garántese a actividade de difusión turística de Lalín en xeral e da Feira do Cocido e o Camiño de Inverno, en particular. O autobús vai rotulado co escudo de Lalín e o lema “Lalín, un interior único”, tamén contará con todo o material de promoción turística e cultural do Concello (rueiro, todos os folletos sobre os diferentes atractivos turísticos de Lalín) e unha pantalla de televisión para a emisión dos diferentes videos promocionais do municipio, entre outros recursos. Tamén dispón dos elementos promocionais sobre as actividades da L Feira do Cocido, así como dos pins e cartelería do evento.

A próxima acción promocional do Bus do Cocido desenvolverase o 31 na compostelana Praza do Obradoiro.