Haberá un capítulo extraordinario da Encomenda, dentro dunha serie de actividades dedicadas a Galicia.

A Feira do Cocido de Lalín incide no seu marchamo de Festa de Interese Turístico Internacional. No próximo mes de marzo de 2022 o Cocido de Lalín será o protagonista nun importante evento na cidade de Miami, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Estados Unidos. A serie de eventos culturais e gastronómicos foron presentados en Lalín por José Manuel Brandariz, presidente de AEGUSA, xunto con Antonio Rodríguez Miranda (secretario xeral de Emigración), acompañados polo alcalde José Crespo e a concelleira de turismo Begoña Blanco.
Aínda que os principais detalles do programa de actos están aínda por definir, concretouse que se vai a colocar un cruceiro galego nunha das rúas de Miami, así coma a ubicación dun monolito simbolizando a conexión xacobea entre Norteamérica e Santiago de Compostela. Dentro deses actos vaise organizar unha comida co Cocido de Lalín como estrela para autoridades de Miami, de Galicia e o máis importante, para os galegos alí residentes , que poderán degustar o noso prato rei elaborado por cociñeiros lalinenses que viaxarán na expedición; un ágape que se calcula xuntará uns 300 ou 400 comensais. Brandariz tamén confirmou a actuación do artista galego Carlos Núñez dentro destes actos de simbólica importancia para a cultura, a economía e o turismo de Lalín e Galicia.

Misión empresarial

O alcalde de Lalín prantexou a posibilidade, en colaboración coa AED, de trasladar á Florida a un grupo de empresarios locais coa posibilidade de crear sinerxias comerciais entre as dúas beiras do Atlántico.
Como explicaron os intervintes, o evento será financiado pola propia AEGUSA e outras institucións galegas, contribuíndo así a estender a fama da nosa Feira do Cocido.