O Cocido en Ruta rematou na veciña vila do Carballiño a súa andaina por diferentes vilas e cidades da xeografía galega e do exterior promocionando a XLIX Feira do Cocido de Lalín, que se celebra o vindeiro domingo. O alcalde de Lalín foi recibido polo rexedor carballiñés con quen realizou unha presentación ante os medios de comunicación da Feira e das súas actividades na casa do concello. Posteriormente tivo lugar no bus do cocido estacionado na Praza do Emigrante a degustación pública de tapas do cocido elaboradas nesta ocasión pola cociñeira lalinense Conchi Peiteado.

 

O alcalde mostrouse convencido de que unha boa chea de carballiñeses visitarán Lalín o día da Feira e cualificou como “éxito absoluto, un ano máis, a iniciativa promocional do bus do cocido”, que nesta edición arribou nas vilas de Ribeira, Viveiro, Carballo, Carballiño e nas cidades de Ponferrada e Porto. Agora, este autobús ao estilo inglés -patrocinado por Gadis e Abacnca- instalarase na Praza da Igrexa de Lalín, onde poderá ser admirado polos veciños e veciñas ata o día da Feira.

 

Rafael Cuíña fixo fincapé no entusiasmo que desperta alí onde vai o Cocido en Ruta, aspecto polo que no concello se recibiron solicitudes de máis de 30 municipios para acoller esta iniciativa promocional que “volveu triunfar na difusión do Cocido, dos nosos produtos de calidade e do noso pobo”.