O Concello de Lalín vai acoller dende hoxe e ata o vindeiro luns, día 5, a 35 veciños e veciñas da localidade andorrana de Escaldes-Engordany dentro duns actos de irmanamento programados ao abeiro do medio século de vida da Feira do Cocido e que se fixan nun convenio entre as dúas localidades que garante a celebración de ata 4 viaxes culturais entre 2018 e 2019. Os municipios de Lalín e Escaldes aprobaron por acordo plenario en 2004 un irmanamento que se veu materializando ao longo dos anos mediante intercambios fluídos entre ambas localidades. Porén e, co obxectivo de manter esta relación, celébrase este novo intercambio, aproveitando a relevancia e a frenética actividade da que goza Lalín durante a Feira do Cocido. Terá unha duración de 5 días e servirá para renovar os mencionados convenios relativos ao inrmandamento.

Como apuntou o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, “a renovación do convenio durante os actos marcados no intercambio permitiranos seguir realizando programas culturais en beneficio das dúas comunidades”. “Este tipo de acordos” -remarca- “só teñen sentido cando se cumpren e se levan a cabo iniciativas reais a través dun programa periódico, polo que estamos moi satisfeitos coa súa sinatura, xa que tamén lles permitirá a moitos veciños e veciñas de Lalín participar en actividades de carácter cultural e deportivo en Andorra”.

Como se dixo, convenio fixa compromisos para os dous municipios tanto en 2018 como en 2019. Así, este ano Lalín recibirá durante a Feira do Cocido os citados 35 veciños andorranos de máis de 65 anos, e comprométese a devolver a visita a Escaldes durante a primavera con ata 30 lalinenses que superen tamén esta idade. Xa para o ano que vén, o Concello de Lalín comprométese a facerse cargo da visita de ata 25 persoas menores de 30 anos durante o verán e a realizar unha visita a Escaldes con idéntica cantidade de visitantes e idade durante o inverno para participar en actividades relacionadas co ski.

Programa de actividades

Os 35 veciños de Escaldes chagarán hoxe a partir das 20.15 horas e instalaranse no Hotel Norat Torre do Deza. O venres ás 10.00 terá lugar unha recepción no concello con entrega de agasallos e con visita guiada polo consistorio. A partir de medio día visitarán o Museo Municipal e, despois de xantar nun restaurante local, pasearán pola vila pechando a xornada cunha visita ao Pazo de Liñares ás 18.30 horas. O sábado, ás 10.30 recibirase no consistorio á alcaldesa de Escaldes-Engordany, Trini Marín, e asinarase o convenio de irmanamento, mentres os visitantes coñecen a zona histórica de Santiago de Compostela. Pola tarde participarán libremente nas diferentes actividades relacionadas coa Feira. Por último, o domingo participarán nos actos oficiais da Feira do Cocido e xantarán no Restaurante 4 Camiños. Pola tarde celebrarán un baile no centro social dos maiores de Lalín e regresarán a Andorra luns pola mañá.