O autor explicou que  se trata dunha “composición fotográfica creada a partir de elementos do Cocido de Lalín”, que realizou facendo uso das súas principais técnicas. O cartaz é un elemento fundamental dentro da celebración da Feira do Cocido, xa que se converte na súa principal carta de presentación e na súa imaxe

O Museo Municipal Ramón Mª Aller acolleu o xoves 29 de decembro a presentación do cartel da XILX Feira do Cocido de Lalín, que foi creado polo artista plástico lalinense Misha Bies Golas, que pasará a formar parte da nómina de artistas -tanto locais como foráneos- que se encargaron de darlle a súa peculiar visión plástica e estética a un elemento fundamental dentro da celebración da Feira do Cocido, xa que se converte na súa carta de presentación e na súa imaxe en todos os actos, eventos e actividades organizadas arredor desta festa de interese turístico nacional.

Misha Bies Golas presentou o cartaz xunto co alcalde, Rafael Cuíña, e os membros do Goberno Nicolás González Casares, Francisco Vilariño e Lara Rodríguez, explicando que se trata dunha “composición fotográfica realizada a partir de elementos do Cocido de Lalín, podéndose entender como un bodegón clásico, pero cun xiro persoal construtivo que vai na liña do collage e pode lembrar á miña obra Artefactos e Amalgamas”. Neste caso, na instantánea que protagoniza a creación, poden verse 4 compoñentes imprescindibles no Cocido de Lalín. En primeiro lugar destaca un cadro co despece dun porco que se pode considerar histórico, pois pertence á carnicería lalinense Vicente, onde se colocou  no ano 1971. Este rótulo está sustentado por 4 patacas a xeito dunha mesa sobre a que sobresae un feixe de grelos, que como o mesmo autor indica, foi mercado para a ocasión nunha tenda da vila. Na “mesa” tamén se pousou unha cunca de viño, malia a que na imaxe final non se apreza, “pero está aí como elemento importante do prato”. Así mesmo, sobre o rótulo repousan 49 garavanzos (non se observan todos), tantos como Feiras do Cocido. En definitiva, Misha Bies Golas explicou que a súa intención foi xogar cos ingredientes do Cocido dándolle forma a través dunha obra na que se reflicten as características e técnicas coas que adoita traballar (collage, fotografía) mezclando todos estes compoñentes ata darlle ao deseño final do cartel un carácter escultórico.

Tanto o alcalde como os demais membros do Goberno presentes no acto, valoraron moi positivamente o traballo de Misha Bies Golas de quen dixeron que, como lalinenses, se sentían moi orgullosos.