O vindeiro martes, día 15, día de San Amaro, bota a andar en Lalín a XXI edición do Mes do Cocido que, tal e como reza o seu lema, finalizará o 14 de febreiro, día de San Valentín. Aínda que a tempada de Cocido se estende dende os primeiros fríos ata ben entrada a primavera, o Mes do Cocido é un período marcado en vermello no calendario para os milleiros de visitantes que nestas datas se achegarán a Lalín na compaña de familiares e amigos a degustar un bo Cocido nalgún dos numerosos restaurantes que participan nesta iniciativa municipal que alcanza as dúas décadas de vida. En concreto, tal e como informa o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, este ano son 25 os restaurantes participantes, que ofrecen capacidade para acubillar a máis de 3.500 comensais diarios. “Isto dá mostra” sostén o concelleiro, “de que o Mes do Cocido é unha iniciativa plenamente consolidada que ademais pon de relevo o gran potencial do prato rei da gastronomía galega, unha das sinais de identidade máis distinguidas dos lalinenses”. Ademais, Vilarió lembra que as perspectivas para este período “son moi positivas e ilusionantes xa que dende o propio sector nos apuntan que están a asistir a un arranque da tempada que está a ser de récord”.

Os prezos dos cocidos oscilan entre os 20 e os 45 euros, cunha media que se sitúa en 26 euros, “un prezo axustado á calidade que se ofrece nos restaurantes e a un prato tan completo como o Cocido”. Os comensais que se achegarán a Lalín neste mes procedentes de todo o país, así como de fóra da xeografía galega, con especial incidencia nas fins de semana, poderán degustar o Cocido realizando unha reserva previa nuns casos e sen necesidade de reservar noutros. Os restaurantes participantes están suxeitos ao Selo de Calidade do Cocido de Lalín, un elemento que busca preservar e garantir os valores e a calidade deste prato e garantir que a experiencia de degustar cocido de Lalín poida ser o máis agradable e sabedeira posible para os visitantes. Esta distinción aumentou a súa esixencia hai dous anos, en busca de darlle o máximo valor ao prato. Así, son os propios comensais os que outorgan o Selo cubrindo as enquisas que se distribúen nos diferentes establecementos. Francisco Vilariño tamén informou de que xa está previsto comezar a distribuír os pins do Cocido polos establecementos. Esta insignia que nas próximas semanas adornará a roupa dos visitantes é un dos maiores distintivos promocionais da Feira do Cocido.

Francisco Vilariño lembrou que nesta edición se seguiu a liña activada este mandato polo Goberno de Lalín, cando se puxo en marcha por primeira vez un concurso público de patrocinio para o desenvolvemento do Compromiso de Calidade do Mes do Cocido co que se acabou co procedemento do anterior goberno que cobraba contías aos establecementos das que non quedaba ningún rexistro. Nesta edición, que coincide coa LI Feira do Cocido, a colaboración mínima requirida situouse en 100 euros, cantidade ofertada pola maioría dos establecementos. Mediante este patrocinio o Concello comprométese a difundir a colaboración das empresas adheridas mediante a súa presencia e difusión en dípticos e programas. Ademais, cada establecemento recibirá un distintivo acreditativo.

Os 25 restaurantes colaboradores que garanten o Cocido nas súas cartas durante este mes son: A Taberna de Vento (Botos), Bar Manolo (Donramiro), Bar O Polo (Lalín), Bar Restaurante Suso (Carragoso), Casa Currás (Lalín), Casa do Patrón (Doade), Casa SanMartín (O Corpiño), Hostal As Vilas (Lalín), Parrillada Villanueva (Lalín), Restaurante Pontiñas (Lalín), Mesón O Cruce (Vilatuxe), Parrillada Taboada (Lalín), Pazo de Bendoiro (Bendoiro), Pensión Las Palmeras (Lalín), Restaurante O Cazador (Catasós), Asador O Toxo (Lalín), Restaurante Cabanas (Lalín), Casa Pablo (A Goleta), Hotel Spa Norat Torre do Deza (polígono Lalín 2000), Restaurante El Rincón de la Mariposa (Lalín), Restaurante Kilómetro 0 (Lalín), Restaurante La Estación (Botos), Restaurante La Molinera (Lalín), Restaurante Onde Antonio (polígono Lalín 2000), Restaurante La Robleda (Vilatuxe). Ademais, colaboran en Madrid o restaurante Sanxenxo. Os patrocinios complétanse coas carnicerías Varela, Cárnicas Anzo, Embutidos Lalínense, as froiterías Lalín Frut, as panadarías José Nercellas, La Artesana e Fernández Puarsa, as queixerías e empresas lácteas, Hoxe, Dona Cobiña-Cobideza, Kalekoi, Lácteos Pazo de Anzuxao e as empresas de bebidas, Deza Distribuciones, Exclusivas Campos, Licores Pousa, Ricardo Vázque e Hijos C.B., Difansa e Distribuidora Celda 2017.

O concelleiro de Turismo agradeceu o interese de todos os colaboradores e puxo de relevo que o éxito do Mes do Cocido se sustenta na aposta dos establecementos lalinenses pola excelencia na materia, que conseguiron elevar o Cocido de Lalín ás súa máximas cotas de calidade e prestixio e, ao tempo, fan que cada ano milleiros de visitantes se acheguen ao noso municipio para degustar este prato, impulsando a economía e a sociedade locais. De forma especíca Francisco Vilariño quixo poñer de relevo o inmenso traballo realizado polo traballador municipal José Luís González para a organización e boa marcha deste Mes do Cocido.