O vindeiro luns, día 15, día de San Amaro, bota a andar en Lalín a XX edición do Mes do Cocido que, tal e como reza o seu lema, finalizará o 14 de febreiro, día de San Valentín. Aínda que a tempada de Cocido se estende dende os primeiros fríos ata ben entrada a primavera, o Mes do Cocido é un período marcado en vermello no calendario para os milleiros de visitantes que nestas datas se achegarán a Lalín na compaña de familiares e amigos a degustar un bo Cocido nalgún dos numerosos restaurantes que participan nesta iniciativa municipal que alcanza as dúas décadas de vida. En concreto, tal e como informa o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, este ano son 25 os establecementos participantes, que ofrecen capacidade para acubillar a 3.500 comensais diarios. “Isto dá mostra” sostén o concelleiro, “de que o Mes do Cocido é unha iniciativa plenamente consolidada que ademais pon de relevo o gran potencial do prato rei da gastronomía galega, unha das sinais de identidade máis distinguidas dos lalinenses”.

Os prezos dos cocidos oscilan entre os 20 e os 45 euros, cunha media que se sitúa en 26 euros, “un prezo axustado á calidade que se ofrece nos restaurantes e a un prato tan completo como o Cocido”. Os comensais que se achegarán a Lalín neste mes procedentes de todo o país, así como de fóra da xeografía galega, con especial incidencia nas fins de semana, poderán degustar o Cocido realizando unha reserva previa nuns casos e sen necesidade de reservar noutros. Os restaurantes participantes están suxeitos ao Selo de Calidade do Cocido de Lalín, un elemento que busca preservar e garantir os valores e a calidade deste prato e garantir que a experiencia de degustar cocido de Lalín poida ser o máis agradable e sabedeira posible para os visitantes. Esta distinción aumentou a súa esixencia o ano pasado, en busca de darlle o máximo valor ao prato. Son os propios comensais os que outorgan o Selo cubrindo as enquisas que se distribúen nos diferentes establecementos. Francisco Vilariño tamén informou que no día de mañá está previsto comezar a distribuír os pins do Cocido polos establecementos. Esta insignia que nas próximas semanas adornará a roupa dos visitantes é un dos maiores distintivos promocionais da Feira do Cocido e este ano foi deseñada a través dun concurso de debuxo infantil posto en marcha polo Goberno para involucrar os máis pequenos na festa máis senlleira dos lalinenses.

Francisco Vilariño lembrou que nesta edición se seguiu a liña do ano pasado, cando o Goberno de Lalín activou por primeira vez un concurso público de patrocinio para o desenvolvemento do Compromiso de Calidade do Mes do Cocido co que se acabou co procedemento do anterior goberno que cobraba contías aos establecementos das que non quedaba ningún rexistro. Nesta edición, que coincide coa L Feira do Cocido, a colaboración mínima incrementouse en 40 euros, pasado de 60 a 100 euros. Mediante este patrocinio o Concello comprométese a difundir a colaboración das empresas adheridas mediante a súa presencia e difusión en dípticos e programas. Ademais, cada establecemento recibirá un distintivo acreditativo.

Os 25 restaurantes colaboradores que garanten o Cocido nas súas cartas durante este mes son: A Taberna de Vento (Botos), Bar O Polo (Lalín), Bar Restaurante Suso (Carragoso), Casa Currás (Lalín), Casa do Patrón (Doade), Casa San Martín (O Corpiño), Hostal As Vilas (Lalín), Parrillada Villanueva (Lalín), Restaurante Pontiñas, Mesón O Cruce (Vilatuxe), Parrillada Taboada (Lalín), Pazo de Bendoiro (Bendoiro), Pensión Las Palmeras (Lalín), Restaurante Agarimo (Lalín) Asador O Toxo (Lalín), Restaurante Cabanas (Lalín), Casa Pablo (A Goleta), Restaurante Catro Camiños (Cercio), Restaurante El Rincón de la Mariposa (Lalín), Restaurante Kilómetro 0 (Lalín), Restaurante La Estación (Botos), Restaurante La Molinera (Lalín), Restaurante Onde Antonio (polígono Lalín 2000), Restaurante La Robleda (Vilatuxe). Ademais, colaboran en Madrid os restaurantes Combarro e Sanxenxo. Os patrocinios complétanse coas carnicerías Varela, Cárnicos Deza, e Embutidos Lalínense, as froiterías Lalín Frut, as panadarías José Nercellas e Fernández, as queixerías e empresas lácteas, Hoxe, Dona Cobiña Cobideza e Kalekoi, e as empresas de bebidas, Deza Distribuciones, Exclusivas Campos e Ricardo Vázque e Hijos C.B.

O concelleiro de Turismo fixo fincapé no esforzo económico e no traballo do Goberno para poñer en marcha un Mes do Cocido cargado de actividades complementarias que garanten a afluencia de visitantes e o desfrute por parte de todas a persoas que neste mes se acheguen a Lalín na súa peregrinación culinaria. Ao mesmo tempo agradeceu o interese de todos os colaboradores e puxo de relevo que o éxito do Mes do Cocido se sustenta na aposta dos establecementos lalinenses pola excelencia na materia, que conseguiron elevar o Cocido de Lalín ás súa máximas cotas de calidade e prestixio e, ao tempo, fan que cada ano milleiros de visitantes se acheguen ao noso municipio para degustar este prato, impulsando a economía e a sociedade locais.