23 Xaneiro, 2018

A  Feira do Cocido chega á localidade pontevedresa de Tui no marco do acto que realizou co Cocido en Ruta. Esta iniciativa promocional está patrocinada por GADIS, e conta coa colaboración de ABANCA e COREN, e vai permitir difundir os atractivos turísticos de Lalín, o Camiño de Inverno e a 50 edición da Feira do Cocido por diferentes vilas de Galicia e Castela e León nas vindeiras semanas.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, foi recibido na casa  consistorial de Tui polo rexedor desta localidade, Carlos Vázquez Padín,e outros membros da corporación municipal. Tras desglosar os detalles do programa de actos elaborado para esta edición da Feira do Cocido nunha comparecencia ante os medios, os representantes institucionais desprazáronse ata a Corredoira de Tui, onde ao mediodía se realizou, con gran afluencia de público, unha degustación de produtos típicos de Lalín, así como dunha tapa elaborada para a ocasión por Alberto Currás, do restaurante Casa Currás.

O Bus do Cocido estivo estacionado durante todo o día nesa zona, converténdose nunha completa oficina turística móbil que, grazas á súa versatilidade e características facilitou o desenvolvemento dunha intensa campaña de promoción de toda a oferta turística de Lalín, pasando pola gastronómica, a comercial, a hostaleira, a cultural, a paisaxística e natural ou a patrimonial e histórica, entre outras. Nesta ocasión, faise especial incidencia na difusión do Camiño de Inverno, que é un dos dous que pasa por Lalín. O Bus do Cocido constitúe xa unha marca de identidade de Lalín e a súa Feira. Trátase dun o autobús tipo inglés ou clásico de dous pisos, con cociña incorporada e espazo para a realización de difusión turística, presentacións, actos e degustacións.

Grazas á mobilidade, versatilidade e dimensións que posúe este vehículo, garántese a actividade de difusión turística de Lalín en xeral e da Feira do Cocido e o Camiño de Inverno, en particular. O autobús vai rotulado co escudo de Lalín e o lema “Lalín, un interior único”, tamén contará con todo o material de promoción turística e cultural do Concello (rueiro, todos os folletos sobre os diferentes atractivos turísticos de Lalín) e unha pantalla de televisión para a emisión dos diferentes videos promocionais do municipio, entre outros recursos. Tamén disporá dos elementos promocionais sobre as actividades da L Feira do Cocido, así como dos pins e cartelería do evento.

A próxima acción promocional do Bus do Cocido desenvolverase o vindeiro sábado, día 20, en Moaña. O 24 estará en Monforte de Lemos, o 25 en Ponferrada, o 29 no Barco de Valdeorras e rematará o seu itinerario en Santiago de Compostela o día 31, antes de regresar a Lalín na fin de semana da Feira do Cocido.