26 Xaneiro, 2018

O Bus do Cocido rexistrou, novamente, unha excelente acollida na súa parada na localidade leonesa de Ponferrada, onde por segundo ano consecutivo se achegou para promocionar a Feira do Cocido e o Camiño de Inverno, ruta xacobea común aos municipios de Ponferrada e Lalín. O alcalde, Rafael Cuíña, encabezou a expedición lalinense a terras do Bierzo, onde foi recibido pola alcaldesa de Ponferrada, Gloria Fernández Merayo, no bus clásico instalado na praza Fernando Miranda, bus patrocinado por GADIS e que conta coa colaboración de ABANCA e COREN.

Os rexedores presentaron a programación da Feira do Cocido, que celebra o seu día grande o próximo 4 de febreiro e degustaron as tapas baseadas no Cocido elaboradas por Mari Mar Villanueva, do Restaurante Villanueva. Cuíña agradeceu a gran collida e a receptividade brindada pola alcaldesa e pola cidade de Ponferrada e convidou a todos os seus residentes a achegarse a Lalín a celebrar o día 4 os 50 anos da Feira do Cocido. Merayo, pola súa parte, agradeceu que Lalín, por segundo ano escollese Ponferrada entre os destinos de promoción da Feira do Cocido e destacou que ambos municipios colaboran na difusión do Camiño de Inverno como un dos potenciais eixos turísticos para a atracción de visitantes. Así mesmo, a rexedora falou da posibilidade de que nun futuro a Feira do Cocido de Lalín e a Fiesta del Botillo de Ponferrada poidan irmandarse.

O Bus do Cocido estivo estacionado durante todo o día nesa zona, converténdose nunha completa oficina turística móbil que, grazas á súa versatilidade e características facilitou o desenvolvemento dunha intensa campaña de promoción de toda a oferta turística de Lalín, pasando pola gastronómica, a comercial, a hostaleira, a cultural, a paisaxística e natural ou a patrimonial e histórica, entre outras. Nesta ocasión, farase especial incidencia na difusión do Camiño de Inverno, que é un dos dous que pasa por Lalín. O Bus do Cocido constitúe xa unha marca de identidade de Lalín e a súa Feira. Trátase dun o autobús tipo inglés ou clásico de dous pisos, con cociña incorporada e espazo para a realización de difusión turística, presentacións, actos e degustacións. Grazas á mobilidade, versatilidade e dimensións que posúe este vehículo, garántese a actividade de difusión turística de Lalín en xeral e da Feira do Cocido e o Camiño de Inverno, en particular. O autobús vai rotulado co escudo de Lalín e o lema “Lalín, un interior único”, tamén contará con todo o material de promoción turística e cultural do Concello (rueiro, todos os folletos sobre os diferentes atractivos turísticos de Lalín) e unha pantalla de televisión para a emisión dos diferentes videos promocionais do municipio, entre outros recursos. Tamén dispón dos elementos promocionais sobre as actividades da L Feira do Cocido, así como dos pins e cartelería do evento. A próxima acción promocional do Bus do Cocido desenvolverase o 29 no Barco de Valdeorras e rematará o seu itinerario en Santiago de Compostela o día 31, antes de regresar a Lalín na fin de semana da Feira do Cocido.