23 Xaneiro, 2018

A Feira do Cocido promocionase na localidade pontevedresa de Moaña, acto que se realizou no marco do Cocido en Ruta. Esta iniciativa promocional está patrocinada por GADIS e conta coa colaboración de ABANCA e COREN, e vai permitir difundir os atractivos turísticos de Lalín, o Camiño de Inverno e a 50 edición da Feira do Cocido por diferentes vilas de Galicia e Castela e León nas vindeiras semanas.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, foron recibidos no mercado de abastos da localidade, situado preto do paseo marítimo, pola rexedora moañesa Leticia Santos, pola tenente alcaldesa, Marta Freire, pola concelleira de promoción económica e Turismo, Coral Ríos e pola edil de Igualdade María Ortega. Tamén participou o concelleiro de Bueu, Fidel Castro.

Primeiramente realizouse unha comparecencia ante os medios na que se presentou a 50 Feira do Cocido e e se desglosou o programa de actos elaborado para esta edición. Posteriormente os representantes institucionais desprazáronse ata o paseo marítimo, onde estacionou o Bus do Cocido rotulado cos logos de Gadis, Coren e Abanca. Nesta ubicación próxima ao mercado de abastos celebrávase no día de onte un mercadiño, polo que a zona presentou durante toda a mañá unha gran afluencia de público o que permitiu que o evento contase cunha enorme difusión. No bus realizouse unha degustación de produtos típicos de Lalín, así como dunha tapa elaborada para a ocasión por Diego López, do restaurante La Molinera.

O Bus do Cocido estivo estacionado durante todo o día nesa zona, converténdose nunha completa oficina turística móbil que, grazas á súa versatilidade e características facilita o desenvolvemento dunha intensa campaña de promoción de toda a oferta turística de Lalín, pasando pola gastronómica, a comercial, a hostaleira, a cultural, a paisaxística e natural ou a patrimonial e histórica, entre outras. Nesta ocasión, fíxose especial incidencia na difusión do Camiño de Inverno, que é un dos dous que pasa por Lalín. O Bus do Cocido constitúe xa unha marca de identidade de Lalín e a súa Feira. Trátase dun o autobús tipo inglés ou clásico de dous pisos, con cociña incorporada e espazo para a realización de difusión turística, presentacións, actos e degustacións. Grazas á mobilidade, versatilidade e dimensións que posúe este vehículo, garántese a actividade de difusión turística de Lalín en xeral e da Feira do Cocido e o Camiño de Inverno, en particular. O autobús vai rotulado co escudo de Lalín e o lema “Lalín, un interior único”, tamén contará con todo o material de promoción turística e cultural do Concello (rueiro, todos os folletos sobre os diferentes atractivos turísticos de Lalín) e unha pantalla de televisión para a emisión dos diferentes videos promocionais do municipio, entre outros recursos. Tamén disporá dos elementos promocionais sobre as actividades da 50 Feira do Cocido, así como dos pins e cartelería do evento.

A próxima acción promocional do Bus do Cocido desenvolverase o vindeiro sábado, día 24, en Monforte de Lemos. O 25 estará en Ponferrada, o 29 no Barco de Valdeorras e rematará o seu itinerario en Santiago de Compostela o día 31, antes de regresar a Lalín na fin de semana da Feira do Cocido.