Presentación

nonameO vindeiro 24 de febreiro de 2019 celebrarase a 51 edición da Feira do Cocido. Este ano o evento conta cunha programación que volve superar o máis de medio cento de actividades programadas ao seu abeiro durante as semanas previas e posteriores ao día grande. A diferenza doutras festas gastronómicas que se celebran por toda a xeografía galega, a Feira do Cocido de Lalín aglutina toda unha serie de propostas que fan do noso concello un punto de interese tanto a nivel galego como estatal nestas primeiras datas de cada ano.

Para o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, o Cocido é unha celebración gastronómica na que se exalta o noso prato máis sobranceiro e popular da cociña galega e, polo tanto, o Cocido debe volver á súa condición de festa aberta a todas e todos, unha feira do pobo e para o pobo na que haxa unha firme aposta pola calidade, a participación, a colaboración cidadá e a solidariedade.

Mes do Cocido

De San Amaro a San Valentín, Mes do Cocido en Lalín”, é dicir, do 15 de xaneiro ao 14 de febreiro preto dunha trintena de establecementos hostaleiros do noso concello incorporan diariamente na súa carta o noso prato máis tradicional, a un prezo razoable, co obxectivo de conseguir a súa maior difusión entre todos os que nos visiten e os que se animen a degustalo. Os establecementos participantes están suxeitos ao Selo de Calidade do Cocido de Lalín, o que garante ao visitante vivir unha experiencia única

Promoción nas Prazas de Abastos

O Concello de Lalín puxo en marcha un novo programa de actos promocionais da 51 edición Feira do Cocido que permitirá difundir o festexo gastronómico e os atractivos turísticos de Lalín polas principais cidades de Galicia a través dos seus mercados de abastos. O Goberno municipal optou este ano por esta proposta novidosa para dar a coñecer o Cocido e os recursos turísticos da nosa Vila. Concretamente, a iniciativa consistirá na realización dun percorrido por 6 das principais e máis coñecidas prazas de abastos do país, onde se realizará unha presentación da Feira, patrocinada por GADIS e coa colaboración de ABANCA e COREN, acompañada de cociña en directo por parte de cociñeiros lalinenses e de degustacións gratuítas de tapas baseadas no Cocido e nos produtos de Lalín, que permitirán -ao mesmo tempo- poñer en valor a elevada calidade da nosa hostalería e os novos valores da cociña lalinense. Os actos sempre se acompañarán dunha ampla mostra do produto feito en Lalín, complementando de maneira ideal esta campaña de promoción, así como en xeral a oferta comercial do municipio. A intensa campaña promocional desenvolverase durante as próximas semanas e levará o Cocido aos mercados de abastos máis importantes de Galicia, que non só funcionan como motores do comercio local, senón que incluso o fan como centros de atracción de visitantes. O programa comezará en Pontevedra (18 de xaneiro), e continuará en Vilagarcía (26 de xaneiro), A Coruña (Mercado de San Agustín, 2 de febreiro), (Vigo, 5 de febreiro), Lugo (9 de febreiro) e Santiago de Compostela (16 de febreiro).

Premios Álvaro Cunqueiro

Dentro do apartado cultural, destaca a convocatoria do Premio de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, cun apartado dirixido aos xornalistas noveis, que reparte 4.800 euros entre os gañadores das diferentes categorías, e os Premios de Gastronomía de Galicia, que se entregan nunha gala emitida en directo pola Televisión de Galicia.

Aldea Singular

Este galardón ten como principal obxectivo recoñecer os valores patrimoniais, sociais, culturais e paisaxísticos dos moitos núcleos de poboación que existen no rural de Lalín. Desta maneira tamén se avanzará nunha das principais intencións do Goberno local para este mandato: promover a posta en valor, o coidado, a recuperación e a rehabilitación dos lugares e parroquias de Lalín. A distinción entrégase cada ano no marco dos actos do día grande da Feira do Cocido, aproveitando o “tirón” deste evento para poñer en valor o noso rural.

Cocido Solidario

O denominado Cocido Solidario substitúe á anterior comida oficial. Coa celebración deste evento, o Concello de Lalín pretende recadar fondos con fins solidarios para destinalos ás distintas asociacións sen ánimo de lucro do municipio e así colaborar no cumprimento de accións sociais, unha das prioridades do Goberno local. Este ano os fondos irán destinados á Asociación Carabelo e a asistencia ao Cocido Solidario 2019, que se celebrará no Pazo de Bendoiro, estará aberta ao público en xeral.

IV Orgullo de Lalín

O Orgullo de Lalín celebrarase en maio en colaboración con diferentes entidades LGTBI e será un evento lúdico, pero tamén educativo e reivindicativo no que se faga una firme aposta pola igualdade e a diversidade.

En Lalín a Cultura é = Vida

Ás xa referidas actividades culturais, hai que sumar outras como o Cocido Miúdo, dirixido aos máis pequenos; diversas competicións deportivas, como o Rally do Cocido ou a Carreira do Cocido; ou as actuacións musicais durante estas semanas previas á celebración da Feria do Cocido, ás que se suman as de grupos locais dentro do programa cultural.

En definitiva, o que se pretende é que “o protagonismo desta celebración gastronómica pase a ser dos veciños, dos hostaleiros e dos comerciantes, unha feira do pobo e para o pobo”.

 

×Close