Historia

CEL_6633

Corría o ano 1968 cando os rexidores dos 6 municipios que integran a comarca do Deza (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón) se reuniron baixo o lema “Unidos por el mismo afán” para artellar unha estratexia de difusión e comercialización dos produtos vencellados coa gastronomía típica da comarca.

Un daqueles 6 concellos -concretamente o Concello de Lalín- decidiu levar á práctica as ideas xurdidas naquel encontro mediante a creación da Feira do Cocido, un evento que se celebrou por primeira vez en 1969 para exaltar o prato máis tradicional e senlleiro da cociña galega, O COCIDO. Dende aquela, a feira non parou de medrar e medrar ata convertirse en todo un referente gastronómico galego e unha cita ineludible como prólogo do Entroido. Lembremos que a Feira do Cocido de Lalín se celebra sempre o domingo anterior ao domingo de Entroido.

O continuo crecemento da feira grazas aos turistas de diferentes lugares de Galicia e mesmo de España axudou a que no último ano do século pasado (1999) a Feira do Cocido fora declarada Festa de Galicia de Interese Turístico (resolución do 24 de xuño de 1999, DOG nº 131 de 9 de xullo) e posteriormente, un novo recoñecemento elevouna a Festa de Interese Turístico Nacional (resolución do 2 de xuño de 2010, BOE nº 156 de 28 de xuño).

Dende o concello lalinense lévanse a cabo múltiples iniciativas que teñen como fin a popularización do seu prato mais insigne e a promoción do municipio. Cabe destacar entre estas: a celebración do Mes do Cocido, entrega dos premios Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico retransmitido pola TVG, concertos, degustacións de cocido en diferentes cidades e países, celebración da mata tradicional etc.

Entre os seus principais atractivos destacan: o desfile de Carrozas, comparsas e charangas; a posta en marcha de concertos e distintas actividades; e por suposto a propia feira, na que se expoñen os mellores produtos das terras de Deza.

Anímate a visitarnos e non te esquezas que… “de S. Amaro a S. Valentín, mes do cocido en Lalín“.

×Close